Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 21:42
Co gallo do Día da Candeloria, o día do ano no que casan os paxaros (que se celebra hoxe 2 de febreiro, xunto ao Día Mundial das Zonas Húmidas), o Concello de Teo vén de instalar na carballeira da Tomada (en Calo) unha caixa niño para poder retransmitir en directo o proceso de aniñamento nas vindeiras semanas. A emisión poderase seguir en directo dende a web municipal.
Porque "o que casa, casa quere", sinalan dende o Goberno municipal. E xa colocada a caixa, segundo indican, agora toca esperar a que algunha das aves da zona entre a facer o seu niño. Así, nos vindeiros días comezarán a emitir en directo dende o interior do recuncho.
A concelleira María López explica que "esta iniciativa está enfocada e pensada principalmente para que dende a comunidade escolar, de Teo e de fóra de Teo, poidan achegarse á ornitoloxía e dun xeito moi particular ás aves que habitan o noso entorno máis próximo".
O Día da Candeloria ten a súa orixe nos ciclos da natureza e lémbranos que o inverno vai quedando atrás, con días máis longos e máis luz, e a primavera se vai achegando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.