Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2022 | Actualizada ás 21:00
Galicia Fiddle vén de lanzar o libro-disco 'Acanteira' para conmemorar a súa primeira década de traxectoria. Esta asociación cultural, nacida co obxectivo de fomentar o uso dos instrumentos de corda na música popular galega e difundir internacionalmente a súa tradición, anota un fito coa presentación deste álbum que recolle un total de 16 melodías gravadas por solistas de entre 13 e 24 anos.
Esta fornada de intérpretes representa a primeira xeración de músicos e músicas de corda formados por e para a música tradicional, un "fenómeno anovador sen precedentes" tendo en conta que a única vía para se formar pasaba ata hai pouco por escolas e conservatorios clásicos, explican a través dunha nota. A edición limitada deste disco está á venda a partir deste martes a través do contacto coa páxina web de Galicia Fiddle e nas librarías.
Galicia Fiddle celebra así os seus primeiros dez anos de andaina, un tempo en que a asociación desenvolveu da man de prestixiosos intérpretes do noso folk un "inédito proxecto educativo caracterizado polo intercambio, a convivencia e a transmisión interxeracional, piares
fundamentais para a difusión da tradición, a conservación do legado e a profesionalización
do oficio", indican. Deste xeito, cada intérprete que conforma esta nova xeración de violinistas
aprendeu a tocar na infancia, medrou e madurou coa súa aprendizaxe e gravou finalmente un
disco colectivo xunto a compañeiros e mestres.
REPERTORIO EDUCACIONAL
'Acanteira', que contou co apoio da Xunta de Galicia, inclúe un total de 16 temas coa
participación de músicos como son Alfonso Franco, Anxo Pintos, Begoña Riobó e Felipe Rodicio, mestres fundadores de Galicia Fiddle que se encargan dos arranxos nos temas
gravados polo alumnado máis novos: Marta Taboada, Sara López, María Pérez, Eva Alonso,
Noé Alamino, Ángel López, Samuel FT, Beñat Askargorta, Paloma Otero, Jorge Figueroa, Joel
Traba, Laura Ramírez e Lucía Ramírez.
Cada tema do repertorio deste libro-disco, escollido polos propios participantes, inclúe a partitura impresa e un código QR que dá acceso á partitura interactiva sincronizada co audio, "unha novidosa ferramenta de aprendizaxe da que Acanteira é pioneira", explica a asociación.
Un tema de Florencio do Vilares, icona do violín popular, abre o repertorio que inclúe versións adaptadas ao violín de xotas, alboradas, muiñeiras ou pasodobres, e que xa agardan seren escoitadas e bailadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.