Dous investigados por incendios en Ourense e Esgos

Por E.P. | Ourense | 10/03/2022 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Dous veciños de Ourense e Esgos foron investigados por senllos incendios forestais orixinados nestes concrellos por imprudencias, segundo informa a Consellería de Medio Rural. Explica que axentes da Policía Autonómica de Ourense, en colaboración con axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) esclareceron estes lumes.

Incendio forestal
Incendio forestal | Fonte: POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO.

No caso de Ourense, o lume tivo lugar o 25 de febreiro no lugar de Requeixo, na parroquia de Canedo, cunha hectárea de superficie queimada. O home realizaba unha queima sen as medidas de seguridade, o que provocou o lume e que se propagase por parcelas anexas. Na extinción, traballaron un helicóptero, dous avións e catro motobombas, entre outros medios.

No lume de Esgos, arderon 0,08 hectáreas no lugar do Regueiro o 22 de febreiro. O incendio orixinouse por restos de combustible empregado nun afumador para o mantemento de colmeas, o que deu lugar á súa propagación a outras parcelas. Un helicóptero e dúas motobombas participaron nas tarefas para apagar o lume.

As dilixencias de ambas as intervencións foron remitidas ao xulgado de instrución de garda en Ourense. No que vai de campaña antincendios de 2022, un total de oito persoas foron detidas ou investigadas en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta