Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2022 | Actualizada ás 11:00
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanza o programa 'Especialistas en Cooperar', un programa que permitirá a tres técnicos da administración local colaborar con municipios e entidades asociadas ao Fondo en Mozambique.
Segundo informou o Foro nunha nota de prensa, as prazas ofertadas están vinculadas a dous proxectos en Mozambique: a Fundaçao Encontro e a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique.
Para a Fundaçao Encontro detallaron que se necesita a unha persoa experta en igualdade de xénero para promover "o dereito á educación e á saúde dos nenos do rural", un proxecto cofinanciado polo Concello de Cambre. O seu traballo consistirá en realizar unha "análise de xénero" nos centros infantís e actividades coeducativas.
Por outra banda, a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), recibirá apoio para a construción de "catro vivendas resilientes fronte ao cambio climático", cofinanciado pola Xunta de Galicia. Para este proxecto búscase a un arquitecto municipal que asesore e supervise a intervención, así como a unha técnico da área social que poida orientar a atención prestada polo municipio mozambiqueño de Boane ás persoas afectadas polo ciclón Eloíse.
As estancias poderanse prolongar ata un máximo dun mes e as persoas seleccionadas viaxarán en réxime de voluntariado, isto é, no seu período de vacacións ou mediante a solicitude dunha licenza específica no marco da lexislación autonómica.
O prazo para anotarse a este programa de voluntariado comezará o 13 de abril. Os candidatos deberán enviar unha ficha de solicitude ao correo electrónico info@fondogalego.gal, achegar o currículo e unha carta de recomendación.
'Especialista en Cooperar' substituíu o anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, 'Vacacións con traballo', que durante 14 edicións enviou a 46 empregados da administración local a colaborar en proxectos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xestionou en Nicaragua, Cuba, Perú ou Cabo Verde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.