Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 19:23
A Xunta activou os puntos de atención ás persoas desprazadas polo conflito bélico en Ucraína, que serán asesoradas e sometidas a un recoñecemento médico á súa chegada a Galicia. Segundo as cifras achegadas pola Xunta, que incide en que o dato non é oficial, estímase que un milleiro de persoas procedentes de Ucraína tras a invasión rusa se atopan nestes momentos en Galicia.
Para facilitar os primeiros pasos á súa chegada, o Goberno autonómico habilitou puntos de atención, nos que un equipo de profesionais do Servizo Galego de Saúde atenderá as persoas refuxiadas coa axuda dun intérprete.
Estes puntos organízanse en varios espazos, con zonas para a tramitación administrativa e xestión de documentación sanitaria, postos de atención médica atendidos por persoal de atención primaria e enfermaría e, por último, unha zona de atención médica. No posto de tramitación administrativa, o persoal procederá a realizar a alta administrativa na base de datos do Sergas. Alí, a persoa recibirá a documentación sanitaria que acredite a cobertura.
DEBEN CONTAR CO NIE
A Xunta lembra que para poder ser atendidos na sanidade pública, os desprazados deben ter un Número de Identificación Estranxeiro (NIE), que se xestiona en dependencias policiais. Este trámite é necesario para poder solicitar cita nos puntos de atención a desprazados a través dos correos electrónicos 'desplazados.ucranianos@sergas.es' ou 'desprazados.ucrainos@sergas.es'.
ESTUDO MÉDICO
Segundo explica a Administración autonómica, os profesionais do Sergas someterán a un estudo médico á persoa desprazada a través dun cuestionario para coñecer as alerxias, antecedentes familiares de enfermidades, tratamentos farmacolóxicos aos que está sometido ou estado de vacinación, entre outras cuestións.
Esta información quedará incluída na historia clínica electrónica e estará dispoñible para futuras atencións tanto en atención primaria como hospitalaria. Así mesmo, tamén serán sometidos a cribados de enfermidades como tuberculoses, hepatites, VIH ou covid --no caso de presentar síntomas ou pertencer a un grupo vulnerable--. Un grupo de 40 persoas inaugurou este mércores o punto de atención habilitado na Sala Eisenmann da Cidade da Cultura de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.