Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2022 | Actualizada ás 13:56
O sindicato CIG denunciou que moitos dos acordos establecidos no Plan estratéxico 2018-2022 da empresa naval pública Navantia están sen cumprir. A través dun comunicado detallou que días atrás se reuniu a Comisión de seguimento a petición da parte social, onde segundo o sindicato nacionalista "a dirección da empresa ofreceu datos xenéricos da súa execución".
O sindicato estima que "non se cumpriron de forma máis ou menos correcta as saídas de traballadores cunhas condicións sociolaborais conquistadas durante moitos anos e a entrada por outros nunha condición inferiores", xa que todos os operarios ao cumprir os 61 anos pasan a un sistema de prexubilación.
Ademas, estima a CIG que o proceso de incorporacións nos dous estaleiros da ría de Ferrol "aínda están moi atrasados e non ao ritmo das saídas, co que isto supón para a situación de emprego na comarca".
CARGA DE TRABALLO
A CIG tamén asegurou que "na reunión constátase que a consecución da carga de traballo non foi a esperada, que os investimentos non serviron para modernizar a compañía" e que no caso de Ferrol, non se materializaron "nin novas instalacións, nin dixitalización, nin robotización". Ademais, criticou "os dous anos sen carga de traballo, co que supuxo para o emprego na industria auxiliar".
En canto ao novo convenio, que tamén chegou con este plan, a CIG estima que "o único que conseguiu foi o abaratar os custos de persoal, perdendo dereitos á vez que foron atrasando as novas incorporacións e paralelamente se externalizaron moitas actividades. Tamén trasladan que na devandita reunión se lles anunciou a preparación dun novo Plan, "sen concretar", chamado Navantia 5.0 e sen período de duración.
A central sindical aproveitou para criticar a actitude das federacións de CC OO e UGT, xa que "lles falta tempo para pedir outro plan na prensa, utilizando groseiramente a reunión, cando o que se trataba era de analizar o vixente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.