Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2022 | Actualizada ás 11:42
Galicia ten a sexta taxa de absentismo máis alta do Estado, cun 7,1% no último trimestre de 2021, 0,6 puntos máis que no mesmo período do ano anterior, segundo os datos do 'Informe trimestral: absentismo laboral e sinistralidade' elaborado por Adecco.
A cifra galega supera a taxa do conxunto de España que se situou no 6,6% nos catro trimestres do ano pasado. Aínda que o dato no total estatal non variou con respecto ao anterior trimestre de 2021, si experimentou un descenso de 0,3 puntos porcentuais con respecto ao mesmo período do ano anterior.
En canto ao absentismo por Incapacidade Temporal (o máis importante), a taxa é do 4,9%, cifra que tampouco varía con respecto ao trimestre previo e que rexistra un descenso de 0,4 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior.
Por comunidades, Asturias, co 7,8%, conta coa taxa de absentismo máis elevada, a pesar da súa redución interanual en 0,5 puntos. Séguelle de preto Navarra, cunha taxa do 7,6% (+0,4). Un 7,2% ostenta tanto o País Vasco (+0,3) como A Rioxa (+0,7). No caso galego, a taxa de absentismo é a sexta máis elevada do Estado, superada por milésimas pola cántabra (7,1%). No outro extremo, Estremadura, co 6,1% (-0,4), e Andalucía, co 6,2% (-0,6%), teñen as taxas de absentismo máis reducidas do Estado.
DATOS POR SECTORES
Se se desagrega a taxa galega por sectores, segundo Adecco, obsérvase que, para o industrial, a autonomía ten unha taxa de absentismo dun 7,2% (+0,5). Na construción a taxa sitúase nun 6,4% (+0,7), que é a segunda máis elevada do conxunto económico para o sector. Ademais, nos servizos, o índice de absentismo queda nun 6,9% (+0,6).
En canto á sinistralidade laboral, a incidencia en España sitúase en 222 accidentados por cada 100.000 habitantes en xornada de traballo (+4% interanual) e en 35 para itinere (+20%). No caso de Galicia, a incidencia en xornada de traballo é de 253 persoas accidentadas (+21% interanual) e de 30 en itinere (+32%).
Ademais, en canto á incidencia de accidentes por covid-19, esta é de seis por cada 100.000 persoas a nivel nacional (dous cada 100.000 persoas en Galicia, unha das incidencias máis baixas do país), polo que se logrou unha redución do 64% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
Adecco presentou esta análise trimestral sobre o absentismo e a sinistralidade laboral con motivo da celebración este xoves, día 28 de abril, do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.