A exdelegada da Xunta en Pontevedra, tras a súa absolución por un defecto de forma: "Era un disparate"

Luisa Piñeiro, tamén exalcaldesa, foi absolta dos delitos de fraude e prevaricación no caso do campo de fútbol de Moraña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/05/2022 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

A exalcaldesa de Moraña e exdelegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, expresou a súa satisfacción polo fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra que a absolve dos delitos de fraude e prevaricación no caso das obras do campo de fútbol do concello que gobernaba polo que foi condenado o expresidente provincial Rafael Louzán a sete anos de inhabilitación por prevaricación.

Luisa Piñeiro, nunha imaxe de arquivo / Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo / Europa Press
Luisa Piñeiro, nunha imaxe de arquivo / Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo / Europa Press

Piñeiro ofreceu unha rolda de prensa na tarde deste luns, xornada na que transcendeu a resolución do recurso ante a Audiencia Provincial que absolve a Piñeiro dos delitos que lle atribuíu o xulgado de primeira instancia hai un ano nunha sentenza que motivou a súa renuncia ao cargo como delegada do Goberno galego na provincia de Pontevedra.

A exmandataria do PP, partido no que se deu de baixa tras a súa dimisión, foi absolta por un defecto de forma, xa que o tribunal entende que o procedemento dirixido contra Piñeiro se decretou fóra de prazo ao executarse "cando xa expirara o prazo de instrución". A decisión da Audiencia Provincial non é firme e contra ela cabe recurso de casación.

"Hai un ano sufrín unha condena que eran meras suposicións dunha xuíza e dun fiscal. Meras suposicións, simplemente", sinalou Luisa Piñeiro nunha comparecencia ante os medios celebrada este luns en Pontevedra.

"Non houbo ningunha proba que demostrase que eu era culpable de algo", subliñou a exalcaldesa, que engadiu que non quere "esquecer este dano que moitas veces se fai con estas sentenzas tomadas un pouco a treo".

Piñeiro di estar "moi contenta" coa decisión da audiencia. "Estou moito máis feliz pero, a verdade é que me queda ese sabor agridoce do que tiven que sufrir", aseverou antes de apuntar que a condena a estivo "lastrando" e que lle afectou a nivel persoal e profesional. "Polo menos chega isto ao seu fin", apuntou.

Luisa Piñeiro insistiu en que "agora se demostra que non hai fraude" polo que considera que "hoxe é un día moi importante". Respecto ao delito de prevaricación, engadiu que "era un disparate condenarme" xa que nin Concello nin Alcaldía tiveron responsabilidade "no proceso de contratación" das obras para a reforma do campo de fútbol.

"Sempre defendín a miña inocencia. Fíxeno desde o primeiro momento que empezou o procedemento e sígoo mantendo a día de hoxe", dixo a exdelegada territorial da Xunta en Pontevedra. "Na propia sentenza dise que non hai ningunha irregularidade pola miña banda e pola parte que afecta o Concello de Moraña", recalcou.

Luisa Piñeiro dimitiu do seu cargo como delegada da Xunta na provincia de Pontevedra en febreiro de 2021 tras coñecerse a anterior sentenza do xulgado do penal número 3 de Pontevedra que a condenaba a ela e ao expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, entre outras persoas, a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude.

Este caso abriuse por mor dunhas irregularidades na concesión dunha subvención para as obras nun muro do campo de fútbol de Moraña, localidade da que Piñeiro era alcaldesa naquel entón, en 2013.

Este sábado 14 de maio, Luisa Piñeiro convoca a todos os veciños de Moraña xunto ao muro do campo de fútbol "para darlles as grazas" polo apoio mostrado durante todo este tempo. "Os ánimos que tiven deles foron o que me fixo estar en pé", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta