Por Europa Press / Redacción | LUGO | 08/04/2025 | Actualizada ás 18:47
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu a autorización da Xunta para a construción dunha liña de alta tensión no parque eólico Airas, no municipio de Mondoñedo, ao admitir o recurso da asociación Petón do Lobo por posible impacto na ave en perigo de extinción 'escribenta das canaveiras'. Dáse a circunstancia de que esta infraestrutura xa está construída. Por tal motivo, a Consellería de Medio Ambiente explica a Europa Press que xa solicitou ao TSXG "unha aclaración sobre o razoamento no que se funda o auto" e o modo de aplicalo ao tratarse dunha liña que terminou de construírse a comezos de 2025. Remarca que por este motivo tanto a Xunta como a empresa presentaron alegacións durante o procedemento, pero indica que non obtiveron resposta na resolución sobre esa cuestión.
Nun auto con data de 21 de marzo de 2025, recollido por Europa Press --que adianta La Voz de Galicia na súa edición deste martes--, a sección terceira da Sala do Contencioso do TSXG estima esta medida cautelar solicitada contra a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da Xunta, así como da declaración de utilidade pública. A Sala basea os seus fundamentos de dereitos en informes que apuntan a que o trazado se inclúe na Rede Natura de Serra do Xistral e está a 100 metros de Rede Natura do ZEC Ria de Foz-Masma, que "afecta de forma severa á funcionalidade paisaxística" da Serra da Toxiza-Tronceda-Fragavella, "dentro de cuxo espazo protexido xa están instaladas outras liñas eléctricas", entre outros.
Tamén se apunta a "sobrecarga de infraestruturas eólicas e liñas eléctricas, que non se integran cos bens culturais na paisaxe agraria e rural tradicional, o que fai preciso deixar a salvo lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica, e a implantación masiva de liñas eléctricas supera a capacidade de carga do sistema natural". Sinala que o proxecto de evacuación dos eólicos Airas, Canedo e Figueiras "abunda na degradación, impondo unha paisaxe artificial con elementos alleos á Rede Natura"
O auto do TSXG subliña que "incide negativamente, descontextualizando os valores naturais e o rico patrimonio cultural da área de afección, considerándose que os principios de cautela, prevención e precaución son propios da Unión Europa en materia de ambiental de modo que, ante a posibilidade de que se produza un dano irreparable ou de difícil ou incerta separación, aínda adoptando medidas correctoras sobre as zonas protexidas, debe prevalecer a suspensión da execución de actividade que pode producir ese risco, ao ser prevalente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos, sobre o particular que ten a promotora do parque eólico en executar de forma inmediata o proxecto".
POSTURA DA XUNTA
Pola súa banda, a Xunta subliña que este auto, "máis aló dunhas apreciacións xerais sobre os efectos das liñas eléctricas no medio rural, baséase exclusivamente no principio de precaución". Neste sentido, lembra que a semana pasada o Tribunal Supremo resolveu nun auto sobre un parque eólico en Moeche, nese caso de competencia estatal, que "se hai avaliación ambiental, non se pode aplicar automaticamente a suspensión en base ao principio de precaución se non se pode concluír que a avaliación ambiental realizada sexa insuficiente". "En caso de facelo poden existir prexuízos irreversibles, polo menos de forma indiciaria, polo que a resolución do TSXG vai en contra do criterio do Alto tribunal", apostila a Consellería de Medio Ambiente.
O Tribunal Supremo (TS) suspendeu a pasada semana, de forma cautelar, a autorización administrativa previa das modificacións e a de construción outorgada polo Estado ao parque eólico Moeche --entre os municipios de Moeche, San Sadurniño e As Somozas-- por falta de análise no impacto de concentración de parques. Cabe lembrar que tamén no municipio de Mondoñedo a xustiza anulou no seu día a aprobación definitiva da Xunta do proxecto de parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, cando levaba anos en funcionamento, con afectación ao Camiño de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.