Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/05/2022 | Actualizada ás 20:54
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos sinala nun comunicado que a empresa Toysal, propietaria da canteira, "aproveitou a lentitude da xustiza para inscribir a pista como propiedade privada no rexistro o pasado mes de xaneiro". A empresa xa intentara "privatizar" a pista en xaneiro de 2022, contra o que os veciños presentaron un recurso aínda por resolver. A nova noticia sorprendeu á veciñanza "esta mesma semana a pesar das notificacións previas ao Concello".
A plataforma veciñal considera de extrema gravidade a inacción que vén percibindo nos últimos meses por parte dos políticos municipais, "que desprenden un aura de derrotismo incompatible co espírito de loita que mantén a veciñanza". Sinalan dito derrotismo na ausencia de representación municipal nas alegacións á inscrición no catastro da pista ou "nas reiteradas promesas dunha negociación que non chega". Así mesmo, a veciñanza sinala a súa reticencia de cara a acción municipal, "que semella estar deixando pasar o tempo ata as vindeiras eleccións".
Por outra parte, lembran que dende a ruptura do grupo de goberno, propúxose a creación dunha comisión informativa para o tema da canteira con representación dos diferentes grupos municipais. "A comisión mantivo numerosas reunións nos tres meses que pasaron dende a inscrición da pista no rexistro sen que se comunicara esta situación". A coordinadora da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos mantivo nas últimas horas unha reunión de urxencia coa veciñanza colaboradora na que se proxectaron novas accións informativas e reivindicativas que se darán a coñecer nas próximas datas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.