Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 22:00
-Desde a Plataforma Feminista Galega cal é a valoración sobre a nova lei de interrupción voluntaria do embarazo?
Unha é a aprobación de que as maiores de dezaseis anos poidan abortar sen permiso dos pais, é unha das reivindicacións da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA). Desde a dimisión de Ruíz-Gallardón, o revanchismo do PP foi intentar que esta posibilidade fose para adiante. Por tanto, para a PFG, a PGDA e o resto de compañeiras era necesario que se consolidase este punto. Por que? Porque deberiamos observar as circunstancias de vida de cada unha das mozas nesa situación e non podemos deixalo en mans de quen sexa, mesmo os proxenitores, quen debido a condicións morais, éticas ou ideolóxicas non llelo permitan. A base de todo isto é ter dereito a unha decisión propia e ser donas do seu corpo. Isto forma parte do noso pensamento e reflexión política e ademais porque desta maneira se cumpre o dereito individual de tomar decisións en relación aos dereitos do paciente. O aborto non é unha solución final, si debera existir unha boa educación sexual e afectiva. En tal caso, estamos falando dun dereito a decidir, a base fundamental do pensamento feminista.
-Outro punto recollido na nova lei é o “dereito de obxección de conciencia” por parte de profesionais que non desexen realizar interrupcións de embarazo en centros públicos. Detrás está a presunta derivación a clínicas privadas. Todo isto que indica para os movementos feminista?
O que dixo sobre isto a ministra Irene Montero é que todas as mulleres dentro do Estado teñan dereito a un aborto gratuíto e seguro na sanidade pública, independentemente de que haxa obxectores de conciencia. O caso é que haxa profesionais para garantir ese proceso sanitario. Aínda caso de que haxa centros da sanidade pública cun número elevado de obxectores de conciencia, debérase garantir que exista a posibilidade de realizar ese proceso sanitario mediante a articulación de mecanismos que o garantan. Non vemos ético acollerse á obxección de conciencia na pública e non na privada. Evitar isto é un dos obxectivos da lei.
O aborto non é unha solución final, si debera existir unha boa educación sexual e afectiva
-Iso non se recollía na lei de 2015?
A lei actual non se estaba cumprindo, non é que fose necesario crear unha nova, senón que a de 2015 non se cumpría integramente. Non vou dicir que obrigasen ir á concertada mais as mulleres seguían buscando resortes no sector privado para resolver un dereito. Iso ten que finalizar e a lei debe ser contundente neste punto. Ese é o propósito e que nós defendemos sempre.
-Sospeitades dunha posición ideolóxica detrás do uso das clínicas privadas por parte das mulleres que deciden libremente abortar?
É unha cuestión ideolóxica, son profesionais da medicina e deberan usar a ciencia como premisa básica dentro da súa determinación. Observar antes uns preceptos éticos ou relixiosos antes de aplicar os teus coñecementos? Pois entón eses profesionais deberan revisar o seu código deontolóxico que os obriga a garantir o dereito da cidadanía a desenvolver con seguridade un tratamento médico. O perigoso é a corrente conservadora mundial en relación coas mulleres, a súa invisibilización e o movemento retrógrado que está reaparecendo no mundo. Estamos vendo con medo que se no Tribunal Supremo dos EEUU a parte máis conservadora, maioritaria, impuxese a ilegalidade do aborto en toda a Unión, sería unha crise enorme para as mulleres norteamericanas. E todo isto xa no século XXI, encorsetadas dentro dun patriarcado que ve as mulleres como se non fosen nada e de paso tuteladas por un estado. Por tanto, non debe haber médicos que a súa conciencia lles permita unha cousa e outras non. A base científica debe permitirlles ter obxectivos claros na súa profesión.
todas as mulleres dentro do Estado teñen dereito a un aborto gratuíto e seguro na sanidade pública
-A baixa por menstruación dolorosa levantou polémica.
Falar da regra segue sendo tema tabú, segue sendo como unha estigmatización de xénero, mais é unha realidade. Primeiramente queren gobernar os nosos corpos e as novas vidas que son singulares. Por outra parte, impónselle defender toda vida aínda que non naza por tanto, non ten dereito a non seguir adiante co embarazo. A realidade é que sangramos, que temos unha idade fértil e iso é un ben social. Entón, por que non falamos dunha serie de condicionamentos físicos sobre a muller e que pode supoñer unha dificultade laboral nun momento determinado? Á parte está o declarado pola ministra Montero, non está contemplado que sexa unha carga fiscal para o empresariado senón para o Estado. Isto último por que? Pois por termos unha singularidade cunhas consecuencas físicas ás veces dolorosas e incapacitantes, non permanentemente senón puntualmente, e hai que tratalas con naturalidade. Está ben que sexa o primeiro Estado que fala deste tema, pois os estados fórmanos persoas e non entes. Tamén houbo quen falaba que isto sería un desastre ante a falta de empregos, pois agora mesmo estamos ante unha vaga de contratación máis indefinida.
Falar da regra segue sendo tema tabú, segue sendo como unha estigmatización de xénero, mais é unha realidade
-Desde a PFG que interpretacións facedes sobre as persoas que buscan evitar a realización libre da interrupción dun embarazo?
Xa o dixen, é todo unha cuestión ideolóxica. Existe unha onda de machismo e de formacións políticas que non deixan de ser nacionalfascistas que están en grande parte do mundo occidental. A capacidade de ser persoas activas, capaces de tomar as nosas propias decisións, molesta sobre todo se temos claro o que queremos facer. E chama a atención que dentro desas formacións haxa mulleres, é como ser o teu inimigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.