"Dar vivenda gratis aos médicos que vaian a Sanxenxo só no verán é unha mofa ao resto do persoal"

A Plataforma de Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo critica a medida anunciada o mércores polo Sergas porque "non soluciona" os problemas da atención primaria.

Por Galicia Confidencial | Sanxenxo | 26/05/2022 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

Vivendas gratis para os médicos que queiran ir a Sanxenxo. Este pasado mércores, 25 de maio, o concello de Sanxenxo e o Sergas asinaban un convenio para ofrecer “vivendas gratis para os médicos que reforcen os centros de saúde de Sanxenxo no verán”· Un anuncio que está sendo duramente criticado neste municipio, especialmente, pola Plataforma de Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo.

Varias persoas gozan da praia de Sanxenxo
Varias persoas gozan da praia de Sanxenxo | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo

"Ademáis de ser unha mofa e totalmente discriminatorio para o persoal que traballa todo o ano nos centros de saúde do noso concello, é un claro intento populista de ocultar os problemas de fondo que acarrexa a sanidade pública en toda Galicia", denuncia nun comunicado. Ademais, critica que non se soluciona o principal problema que existe no concello que é o mal funcionamento da Atención Primaria e a gran carga de traballo que soportan os profesionais sanitarios.

Así, a entidade lembra que os problemas de persoal nos nosos centros de saúde non están presentes tan só no verán senon que persisten durante todo o ano. Lembran que este mesmo ano pasado, as ausencias de persoal por baixas e vacacións non foron cubertas. "No caso concreto do consultorio de Vilalonga as persoas usuarias chegaron a quedar sen atención en varias ocasións ao non ter sido cubertas as ausencias do persoal", indica.

"Durante estos últimos once anos, o Sergas encargouse de ir desmantelando a atención primaria  ao non planificar nin contemplar as xubilacións do persoal en todas as categorías: médicos, enfermaría, etc. Os contratos que prevalecen son os interinos e por horas, días, semanas, e con sorte, meses…", sinala no comunicado. 

Por iso insiste que para "arranxar a penosa situación" que existe na sanidade pública galega hai que invertir en atención primaria, dimensionando adecuadamente os centros de saúde dacordo ás necesidades da poboación. "E iso, pasa por dotar de todo tipo de persoal (facultativos, enfermaría, administrativo, etc.) e cubrir ausencias cando se produzan", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta