O foro 'Las mujeres que opinan son peligrosas' reunirá a Mercedes Milá, Mamem Mendizábal e Ana Pardo de Vera

O encontro foi presentado este martes no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra nun acto no que estiveron presentes Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Vitoria Alonso, deputada de Igualdade e Cultura; e as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, promotoras deste foro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2022 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá os próximos días 10 e 11 de xuño o foro 'As mulleres que opinan son perigosas' que contará coa presenza de Mercedes Milá, Mamen Mendizábal, Ana Pardo de Vera, Paloma del Río, Joana Bonet, Margaryta Yakovenko, María Varela, Inma López Silva, Diana López, Ángeles Caballero, Marta García Aller, Fernanda Tabarés, Almudena Sánchez, Luz Sánchez Mellado, Estefanía Molina, Carolina Sertal, Marta Otero e María Piñeiro.

O encontro foi presentado este martes no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra nun acto no que estiveron presentes Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Vitoria Alonso, deputada de Igualdade e Cultura; e as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, promotoras deste foro.

Carmela Silva indicou que este encontro pon de manifesto "a capacidade para sumar sinerxías e crear redes de mulleres que reclaman o seu espazo".

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén puxo en valor que neste foro participen "mulleres con pensamentos diversos, posicionamentos ideolóxicos diferentes e unha mirada propia ante o mundo".

Nesta quinta edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' a programación tratará temas diversos como a saúde mental, a posición das mulleres no mundo do deporte, a visión das mulleres da situación política ou a importancia do xornalismo. Susana Pedreira sinalou que será "a edición do reencontro" tras os dous anos nos que tivo que realizarse en formato en liña por mor da pandemia.

Con este novo cartel, segundo comentou, xa son 62 as profesionais da comunicación que forman parte do foro algo que evidencia que "hai moitas mulleres en Galicia e no conxunto do estado que fan bo xornalismo". Baixo esta premisa animou "ás persoas organizadoras de congresos e foros de opinión e xornalismo a que consulten os nosos carteis e programas para non volver dicir que non atopan mulleres cando programan os paneis de congresos nacionais".

PUNTO DE SEGUIMENTO

Pola súa banda, Diana López animou á cidadanía "a vir a esta edición presencial" na que, anunciou, haberá "un punto de seguimento no vestíbulo do Museo cunha pantalla para poder escoitar ás invitadas no caso de que se complete o aforamento".

Aconséllase inscribirse de maneira previa nos sitios web da Deputación e do Concello de Pontevedra para que todas as persoas que desexen acudir ao foro teñan garantida a súa praza.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta