O comité de Alcoa pide "acurtar ao máximo" os tempos para a instalación de parques eólicos

A Xunta avanzou que dará prioridade e reducirá á metade os prazos para a instalación de parques que fornezan polo menos o 50% da enerxía eléctrica a unha industria.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 02/06/2022 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao instou a Xunta e Goberno central a "acurtar ao máximo os tempos" para a instalación de parques eólicos que dean subministración enerxética á empresa electrointensiva. Así o sinalou este xoves o presidente do Comité, José Antonio Zan, tras participar nunha nova reunión da mesa sobre o futuro de Alcoa, un órgano que se reúne mensualmente e no que están representados os traballadores, a empresa e as administracións.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: pxhere.com.

Na súa intervención, Zan apuntou que "a curto prazo" vaian traballar tanto a Xunta como o Goberno, como así piden os traballadores, para "acurtar ao máximo os tempos" para ter "canto antes" os parques eólicos funcionando. "Alcoa dixo que está a estudar outras opcións como a fotovoltaica, pero o fundamental son estes parques e a tramitación ten que ser o máis curta posible", sostivo.

"Que o Goberno e a Xunta se unan á hora de facer esa tramitación é o que necesitamos e levamos moito tempo pedindo ás administracións que traballen en conxunto neste campo", destacou.

Neste sentido, o Goberno galego xa avanzou que dará prioridade e reducirá á metade os prazos para a instalación de parques eólicos que fornezan polo menos o 50% da enerxía eléctrica a unha industria, como os que se proxectan para Alcoa.

Ademais, José Antonio Zan incidiu en que aínda que o arranque das cubas se fará "si ou si" o 1 de xaneiro de 2024, Alcoa insiste en que necesita un prezo da enerxía estable. "Teñen exposto, como en Noruega, que entre un 70 e un 80% da enerxía que consome sexa renovable e o resto poder acudir ao pool", indicou.

Así, lembrou que a empresa xa ten acordos neste sentido con Greenalia. Ademais, están pendentes de próxima asina acordos con Endesa e Capital Energy.

"A legalidade hai que cumprila e o importante é ter un colchón de parques para que o prezo da enerxía sexa estable e competitivo a longo prazo", sostivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta