Díaz insiste nun modelo económico "participativo, horizontal e democrático"

Apela a usar o Perte de economía social para ir "máis aló" dun modelo "eficaz" que debe "ser máis ambicioso".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, apelou a utilizar os 800 millóns que conforman o Perte de economía social e dos coidados nunha vía para ir "máis aló" dun modelo que se probou como "eficaz" pero que debe "ser máis ambicioso" para lograr a súa "transformación" e avanzar no seu crecemento.

Así o resaltou durante a súa intervención na presentación do Manifesto da Economía Social, que tivo lugar na Fundación Laboral da Construción de Santiago de Compostela, cidade que este ano foi nomeada capital da economía social. Díaz foi a encargada de pechar un acto que tivo lugar catro días despois do lanzamento do Perte de economía social --presentado o venres en Moncloa-- e no que o ministerio rendeu homenaxe a José Montes e José Antonio Vázquez Freire, fundadores de Feiraco e Cegasal, respectivamente.

Acompañada pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a vicepresidenta do Executivo central enxalzou o papel que xoga na economía e a sociedade española a economía social, que engloba a 43.000 empresas que suman 2,2 millóns de emprego e representan o 10% do PIB estatal.

A ministra incidiu en que o peso da economía social en España é equiparable ao dun sector "tan importante" como o turismo, que xera o 12% da riqueza do país. Por iso, chamou a axuntar esforzos para lograr un novo impulso para este modelo económico "participativo, horizontal e democrático" que, para Díaz, é capaz de dar repostas "a preguntas complexas" relacionadas con retos de futuro como o "traballo digno, a emerxencia ambiental, os coidados ou a dixitalización".

Deste xeito, a vicepresidenta remarcou que o obxectivo é lograr que o "modelo eficaz" da economía social vaia un paso "máis aló" e logre metas como "redimensionar" o tampaño das empresas, especialmente as cooperativas, ou avanzar na súa "internacionalización" e incorporación de ferramentas dixitais para "todos os seus procesos e solucións".

Para isto, Yolanda Díaz subliñou a oportunidade que supoñen os 800 millóns de euros que conforman o Perte, unha ferramenta "única en Europa" que apela a empregar "con responsabilidade e coa vontade de transformar o sector".

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz,  intervén durante a súa visita a fábrica Alstom Transporte, a 22 de abril de 2022, en Santa Perpètua de Mogoda, Barcelona, Cataluña (España).. David Zorrakino - Europa Press
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, intervén durante a súa visita a fábrica Alstom Transporte, a 22 de abril de 2022, en Santa Perpètua de Mogoda, Barcelona, Cataluña (España).. David Zorrakino - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta