Denuncian que a falta de persoal deixa as urxencias do CHUS sen servizo de neurofisioloxía

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS critica que a "inactividade de desleixo de funcións" por parte das administracións e xerencias ten "consercuencias irreparables sobre a saúde das persoas".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS asegura que, "debido á falta de persoal sanitario, o servizo de neurofisioloxía deixará de prestar as gardas de urxencias requiridas".  Así pois, denuncia a asociación, "todas as persoas que acudan ás urxencias con patoloxías vinculadas a esta especialidade non disporán de persoal médico especialista necesario para ser atendidas". Refírese, en concreto, a casos de epilepsia, TDAH en adultos, síndrome de pernas inquietas, párkinson, miopatías (dexeneración do tecido muscular), radiculopatías (perda da sensibilidade), trastornos do sono ou problemas de visión e de audición.

Concentración de traballadores de urxencias do CHUS en Santiago.. COMITÉ DE FOLGA DO CHUS
Concentración de traballadores de urxencias do CHUS en Santiago.. COMITÉ DE FOLGA DO CHUS

A asociación recolle nun comunicado que lle constan "denuncias de pacientes que declaran estar agardando máis de nove meses por un diagnóstico de neurofisioloxía", o que indica, asegura, o "grao de colapso que soporta o servizo por falta de medios humanos e materiais".

"Consideramos que a situación é de tal gravidade que non precisa comentario. Ante os feitos, as recentes declaracións do conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, sobre a fortaleza e o normal funcionamento do Sergas, son unha burla á cidadanía", expresa a asociación de pacientes e usuarios. No comunicado asegura que os xestores e responsables políticos "manipulan a interpretación dos feitos á súa conveniencia", pero, como consecuencia, "os pacientes e profesionais sanitarios sufrimos as repercusións das súas decisións".

A asociación lembra que o Servizo Galego de Saúde o "paga a cidadanía". "Os xestores do CHUS están obrigados a dar cumprimento ao mandato de garantir a carteira de servizos global e poñer os medios necesarios para que isto sexa así. A inactividade e desleixo de funcións ten consecuencias irreparables sobre a saúde das persoas", sinalan. Por todo isto, esixen que "cumpran as súas obrigas e procedan, con carácter urxente, a contratar o persoal preciso que permita restablecer as gardas de neurofisioloxía no servizo de urxencias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta