Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 21:20
Supermercados Gadis vén de recibir un premio do Clúster Alimentario de Galicia por "potenciar un estilo de vida saudable a través das súas redes sociais". Con contido diversificado, a cadea achega aos seus miles de seguidores propostas que reflicten os beneficios de levar a cabo unha dieta equilibrada e practicar un consumo responsable. Así o recoñeceron os Premios Galicia Alimentación 2022, que concederon a Gadis un dos galardóns correspondentes á categoría 'estratexia de mercado'.
Máis de 60 empresas do sector presentaron as súas candidaturas a estes premios, que alcanzan a oitava edición e que se entregaron nunha gala que tivo lugar na Cidade da Cultura. O xurado, reunido previamente hai unhas semanas, valorou positivamente que un dos propósitos de Supermercados Gadis sexa "promover a alimentación saudable entre a sociedade". Destacou, ademais, "a divulgación de coñecementos sobre distintos temas
relacionados con este obxectivo".
A coordinadora de Marketing Dixital e Contidos de GADISA retail, Alexandra Kuntz, recolleu este galardón, que "referenda a aposta de Gadis por xerar un impacto positivo na sociedade", explica a compañía. Á estratexia en redes sociais súmase a web https://www.gadis.es/saludable/ e o programa Alimentes Dixital, unha plataforma interactiva a través da que se chega a miles de crianzas de educación infantil e primaria de Galicia e Castela e León conscientes da necesidade de adquirir bos hábitos na infancia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.