Concertos grautítos no XII Festival de Peregrinos Musicais do 12 ao 31 de xullo en Santiago

A edición deste ano contará con nove concertos ofrecidos por músicos de países como Portugal, Países Baixos, Turquía, Alemaña e España, divididos en dúas fases diferenciadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

O XII Festival de Peregrinos Musicais ofrecerá por primeira vez na súa edición de 2022 o acceso gratuíto a todos os seus concertos para contribuír á divulgación do traballo de novos talentos da música clásica que destacan polo seu "alto nivel de preparación".

Así o comunicou este luns o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación da duodécima edición do certame, que se celebrará do 12 ao 31 de xullo en diversos lugares da capital galega, como a igrexa de San Francisco, o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia ou a Praza de Mazarelos.

O titular da Consellería de Cultura puxo en valor o festival, que permite en cada edición ensinar ao público "o enorme talento dos máis novos" a través dunha experiencia musical e profesional "moi enriquecedora" para os participantes. "Esta iniciativa permite achegar a música clásica ao gran público", afirmou Lorenzo.

Tamén estaba presente o director da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave, quen destacou o nivel dos solistas participantes e a relevancia da interacción entre a cidade do Apóstolo e os seus peregrinos. "En Santiago non somos pasivos ante os peregrinos, senón que interactuamos con eles facendo música", sinalou Zumalave.

Desta forma, a edición deste ano contará con nove concertos ofrecidos por músicos de países como Portugal, Países Baixos, Turquía, Alemaña e España, divididos en dúas fases diferenciadas.

Por unha banda, a primeira fase consistirá na etapa final do concurso Peregrinos Musicais a través de tres concertos nos que participarán seis músicos finalistas. Os gañadores optarán a un premio económico de 1.000 euros que será resolto coa votación do público ao finalizar o terceiro concerto o día 14 de xullo no Auditorio de Galicia.

O seis músicos que participarán son Álvaro Lozano (cello), de Málaga; Álvaro Toscano (guitarra), de Córdoba; Mireia Como (violín), de Vitoria; Pol Cabrera (saxo), de Barcelona; Ilgin Top (violín), de Turquía; e María Lejuan (oboe), de Ferrol.

Por último, a segunda fase prolongarase coas festas do Apóstolo e terá seis datas repartidas entre os días 22 a 24 de xullo, e do 29 ao 31 do mesmo mes. O acceso é libre e gratuíto, e toda a información pódese consultar en www.peregrinosmusicales.com.

Orquestra Sinfónica de Galicia
Orquestra Sinfónica de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta