Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/07/2022 | Actualizada ás 08:30
Na diáspora contemporánea galega hai unha clase de emigrantes, os máis formados entre as novas xeracións, cuxa marcha supón a perda de capital científico, fundamental para o progreso de calquera país; non en van, as sociedades máis avanzadas son as máis desenvolvidas científica e tenoloxicamente. Pero apenas se coñece ben a dimensión e os impactos desta “fuga de cerebros”. Coa idea de aportar luz a este fenómeno, economistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) elaboraron unha metodoloxía propia que lles permitiu observar que “Galicia é, con diferenza, a comunidade máis afectada pola fuga de cerebros”, resumen José Blanco Álvarez e Manuel González López, autores da investigación.
“Galicia, ao igual que no pasado, presenta unha singular prevalencia da emigración externa cando se compara co resto das rexións”
“Galicia, ao igual que no pasado, presenta unha singular prevalencia da emigración externa cando se compara co resto das rexións españolas”, explican os economistas. Con todo, os datos do seu estudo, que abrangue vinte anos (2001-2019), mostran “unha notable tendencia ascendente que se frea progresivamente nos últimos anos da serie” entre persoas rexistradas en Galicia que emigraron. Pero ao centrarse exclusivamente nas persoas nadas en Galicia, observaron unha “clara diminución progresiva”.
Segundo estes expertos, “a sobre-representación dos galegos na emigración española desde a última metade do século XIX ata a década de 1980 é a que explica esta aparente contradición”.
Así, profundan: “En ausencia de fluxos migratorios de alta intensidade nos 90 e na primeira metade da década dos 2000, a tendencia natural de Galicia no exterior é decrecente: a medida que os emigrantes envellecen e morren, e non son substituídos por novos emigrantes procedentes de Galicia, redúcese automaticamente o seu stock”.
Para exemplificar este avellentamento, expoñen que a dia 1 de xaneiro de 2020, o 65,6% do total dos 150.127 nativos galegos rexistrados no PERE (Padrón de Españois Residindo no Estranxeiro) tiña 65 anos ou máis. Pero, como din, “outra historia é o número total de galegos rexistrados como residentes no exterior no CERA (Censo electoral de residentes ausentes de España), no que “unha parte moi significativa deles non naceu en Galicia: trátase de descendentes dos emigrantes de primeira xeración ou de estranxeiros nacionalizados españois que residiron en Galicia e abandonaron o país posteriormente”, clarifican.
Tendo en conta as persoas de 16 a 64 anos, a día 1 de xaneiro de 2020, había 311.764 con nacionalidade española no estranxeiro rexistrados en Galicia, pero só 49.350 naceran no territorio galego (menos do 16%).
Con todo, isto, segundo os economistas, non permite concluír que a emigración galega estea a descender nos últimos anos. “Simplemente, o seu volume non é suficiente para compensar o avellentamento do stock de emigrantes”, explican os investigadores da USC, que considera que “esta é, en parte, unha conclusión lóxica polo menor tamaño das cohortes actuais”.
Polo tanto, era necesario analizar os fluxos migratorios ao estranxeiro para saber se a emigración galega está a aumentar. Pero aquí se lles presentou un dilema: debe terse en conta a saída de persoas residentes no territorio galego, independentemente do seu lugar de nacemento, ou é necesario empregar un criterio máis restritivo e analizar unicamente a saída dos que teñen nacionalidade española ou dos nados en Galicia?
“O máis importante é o notable incremento a partir do 2008 e o feito de que as taxas de emigración se manteñen en niveis superiores aos anteriores á crise de forma constante”
Tendo en conta que a meirande parte da emigración causada pola crise económica do 2008 estivo protagonizada por estranxeiros que abandonaron España, consideraron que analizar a saída bruta de persoas de cada comunidade autónoma podería sobreestimar a emigración nos territorios con maior número de inmigrantes. De feito, cos datos brutos, “Galicia aparece, sorprendentemente, como unha das rexións con menores taxas de migración cara ao exterior”, apuntan.
Por outro lado, explican que “empregar o criterio da nacionalidade podería mitigar este problema só en parte, xa que existe un importante colectivo de inmigrantes que accedeu á nacionalidade nas décadas anteriores”.
Ante isto, optaron por empregar o “criterio máis restritivo” e analizaron a emigración só de persoas nadas en cada comunidade autónoma, con independencia do lugar desde onde se produza a saída, de xeito que unha persoa nada en Galicia, pero residente en Madrid e emigrada ao estranxeiro, rexistrábase como emigrante de Galicia.
Con este axuste, “podemos ver como o panorama cambia de forma notable. Galicia aparece agora como unha das rexións con maiores taxas de emigración”, describen.
“O máis importante, na nosa opinión, é o notable incremento a partir do 2008 e o feito de que as taxas de emigración se manteñen en niveis superiores aos anteriores á crise de forma constante”, expoñen os economistas, que engaden: “Na medida en que esta situación persista, poderase agravar o problema de emigración externa en Galicia e en España. Ademais, debemos lembrar que esta serie está en boa medida infravalorada e non capta o 100% da emigración, polo que as taxas reais deben ser máis elevadas para todas as comunidades autónomas”.
INMIGRACIÓN INTERNA
En canto á inmigración interna no Estado español, e seguindo os mesmos criterios que coa emigración internacional, os stocks de poboación que vive fóra da súa comunidade autónoma de nacemento mostran, en xeral, unha tendencia decrecente, polos mesmos motivos que no caso da emigración internacional. As taxas de emigración calculadas cos fluxos migratorios da Estatística de Variacións Residenciais (EVR) mostran que Galicia é a autonomía coa menor taxa, pero cun crecemento constante.
A inmigración cara a Galicia desde outros territorios do Estado español é “aínda menor”, mostrando un “saldo negativo de forma crónica”
“Moi probablemente, o incremento da emigración interna aínda non acadou niveis similares ás migración das décadas dos 60, polo que a tendencia natural dos stocks de emigrantes é decrecente. Galicia comparte tendencia coas outras comunidades autónomas, pero aparece como unha das menos afectadas pola emigración interna e moi lonxe das tres máis afectadas por esta emigración, que son Castela–A Mancha, Castela e León e Estremadura”, detallan.
Os expertos advirten de que “na medida en que a tendencia ascendente continúe, a magnitude da emigración interna podería converterse nun problema de maior gravidade para Galicia”.
Por outro lado, apuntan a que malia a “reducida emigración de galegos e galegas cara a outras comunidades autónomas”, a inmigración cara a Galicia desde outros territorios do Estado español é “aínda menor”, mostrando un “saldo negativo de forma crónica”.
FUGA DE CEREBROS INTERNACIONAL
Con estes datos, queda por saber que peso ten a chamada “fuga de cerebros” no conxunto da emigración galega e en comparación con outros territorios. Para os economistas, esta é “unha das cuestións básicas do debate sobre a emigración galega dos últimos anos”.
No relativo á emigración internacional, inferiron o nivel educativo dos emigrantes a partir da base de datos DIOC-E (ou DIOC estendida) dos países da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos). Os resultados mostran que Galicia é a comunidade autónoma con maiores taxas de emigración, tanto de persoas de baixa como de alta cualificación. Porén, a diferenza con outros territorios acúrtase de forma acelerada, o cal, salientan, é “coherente” cos datos expostos anteriormente.
De novo, explican, “a sobre-representación de Galicia no exterior explica estas elevadas taxas de emigración, que se reducen nos últimos anos”. “A nivel interpretativo, os nosos cálculos estiman que arredor do ano 2010 residían fóra de Galicia o 7,2% de todas as persoas cualificadas e o 5,4% das persoas sen cualificar en idade laboral nadas na comunidade. Esta taxa queda lonxe da media para España, que se sitúa, respectivamente, no 2.52% e no 1.96%”, describen.
Aínda que se pode observar un descenso do ano 2001 ao 2011, a proporción de emigrantes galegos altamente cualificados aumentou do 20,5% ao 32.8% do total, nunha tendencia xeral que inclúe todas as comunidades autónomas.
Case o 65% dos emigrantes galegos no Reino Unido ten estudos superiores, por apenas un 13% dos que residen na Arxentina e un 24% dos que viven en Suíza
Cos datos do censo do 2011, apenas o 28,6% da poboación desa franxa de idade nada en Galicia e que residía en territorio galego tiña estudos superiores nese momento, polo que o cociente entre os dous valores é superior a 1 (1,15). As cifras para o ano 2001 amosaban que o 18,4% da poboación galega desa franxa de idade tiña estudos superiores, por un 20,5% dos emigrantes, o que supón unha selectividade positiva pero lixeiramente inferior (1,12).
Estas taxas, segundo os expertos, amosan “un fenómeno ben coñecido: a selección positiva dos emigrantes”. É dicir, “as persoas de maior nivel educativo acostuman ter unha maior propensión a emigrar e, polo tanto, están sobre-representadas no colectivo de emigrantes”. Isto podería explicarse por varios motivos. Segundo os economistas, pode ser unha “consecuencia lóxica das políticas de inmigración, que cada vez con maior énfase buscan atraer persoas cualificadas en detrimento dos traballadores sen cualificar”, pero “tamén pode deberse á maior capacidade das persoas cualificadas para asumir os custos da emigración (tanto económicos como de adaptación ao novo ambiente), ou simplemente pode reflectir o maior retorno do seu investimento en educación no estranxeiro”.
Ao poñer o foco nos destinos da emigración galega, comprobaron que os máis recentes presentan unha maior proporción de emigrantes altamente cualificados. De feito, as súas estimacións mostran que case o 65% dos emigrantes galegos no Reino Unido (un dos destinos preferidos dos novos emigrantes galegos) contaría con estudos superiores, por apenas un 13% dos que residen na Arxentina e un 24% dos que viven en Suíza (paradigmas da emigración transoceánica de finais do século XIX e inicios do XX, e da emigración europea dos 60, respectivamente).
No cómputo xeral, a proporción de emigrantes cualificados mantívose ou aumentou nos principais destinos da emigración contemporánea galega.
“Neste senso, a idea de que os galegos e galegas que emigran teñen maior cualificación que no pasado parece obvia, pero non podemos supoñer que exista unha selectividade maior dos emigrantes. Isto é, o feito de que os emigrantes do pasado tivesen menor cualificación explícase polo menor nivel medio de estudos das súas xeracións, pero é posible que a selección positiva xa estivese presente naqueles momentos. Por exemplo, os estudos da emigración transoceánica do século XIX e inicios do XX apuntaron o alto nivel de alfabetización dos emigrantes en comparación á poboación galega, o que pode levar a caracterizar o fenómeno como unha primitiva fuga de cerebros”, argúen os autores da investigación.
FUGA DE CEREBROS A OUTROS TERRITORIOS DO ESTADO
A nivel estatal, alén do censo e da EPA (Enquisa de Poboación Activa), que permiten identificar stocks de emigrantes por nivel educativo, os economistas da USC preferiron centrarse nos datos administrativos de contratación do SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal). Os datos permitíronlles comprobar que a situación de Galicia en canto á fuga de cerebros, é semellante aos datos xerais de migración interna: “Atópase no grupo de comunidades autónomas con reducida emigración pero, ao mesmo tempo, presenta un saldo cronicamente negativo debido á súa escasa capacidade de atracción”, comentan.
“O escaso dinamismo do mercado de traballo galego” é o “principal problema que explica a súa posición migratoria en España”
Para estes autores, “o escaso dinamismo do mercado de traballo galego” é o “principal problema que explica a posición migratoria da comunidade en España”.
“Debemos destacar como a mobilidade dos traballadores sen estudos superiores (aos que nos referimos como de baixa cualificación) inicia o período por enriba da mobilidade dos traballadores cualificados, cunha fonda diminución a consecuencia da crise do 2008. No período inicial, teñen especial relevancia os fluxos migratorios asociados ao turismo e á construción, coas Illas Canarias como destino preponderante, incluso por riba da Comunidade de Madrid. A fin da fase expansiva e a diminución de oportunidades laborais no resto de España explica o notorio descenso da mobilidade, que só se recupera na seguinte fase expansiva. Pola contra, a diminución na mobilidade dos traballadores altamente cualificados é moito máis reducida e recupérase cedo cun incremento sostido desde entón. Na actualidade, os traballadores cualificados xa teñen unha taxa de mobilidade maior, aínda que cunha diferenza non demasiado significativa, que os traballadores sen cualificar”, debullan.
Nos dous casos, o saldo de Galicia é, segundo estes analistas, “marcadamente negativo desde o 2003”, xa que perdeu arredor dun 5% do total de contratos a traballadores cualificados. Os economistas consideran que “na medida en que estas emigracións sexan temporais e se salden co retorno destes emigrantes a Galicia, pódese argumentar que non son tan negativas”. Mais, matizan, e alertan, que “na medida en que unha parte deste 5% se converta en emigracións permanentes ou de longo prazo, a nosa comunidade autónoma estará a perder unha parte non desprezable da súa poboación en idade laboral cada ano, o que vai agravar as xa precarias dinámicas demográficas”.
O estudo mostrou, ademais, que os destinos dos emigrados altamente cualificados concentrouse principalmente en Madrid. Calculan que aproximadamente o 35% dos contratos a traballadores cualificados que se desprazan fóra da súa comunidade ten o seu centro de traballo na capital de España, por apenas un 15% en Cataluña.
EMIGRANTES MÁIS CUALIFICADOS
En resumo, os resultados deste estudo indican que “os galegos e as galegas seguen a estar sobre-representados na diáspora española, o que se debe en gran medida ao crecemento das segundas e sucesivas xeracións nos países de destino”. Con todo, recoñecen que a emigración actual galega ao estranxeiro “aumentou de forma significativa tras a crise económica do 2008 e segue a ser das máis elevadas de España”, pero, matizan, “perdeu o diferencial característico da historia migratoria galega e non constitúe agora un fenómeno tan extraordinario”.
Tamén constataron que “o nivel educativo dos emigrantes galegos aumentou de forma significativa”, con Reino Unido, Estados Unidos ou Irlanda como principais destinos, o cal, conclúen, “é consistente co fenómeno da fuga de cerebros”.
CUSTO MILLONARIO PARA GALICIA
O Foro Económico de Galicia publicou en 2020 o informe ‘Fuga de talento en Galicia: ¿mito ou realidade?', no que recoñecía, como os economistas da USC, que “non é doado cuantificar esa fuga de talento debido, fundamentalmente, a que as fontes estatísticas dispoñibles só permiten unha aproximación a esta realidade; á súa existencia e dimensión; así como á comparación de Galicia con outras Comunidades Autónomas”. De aí a importancia desta nova achega desde a Universidade de Santiago.
O custo de formar universitarios que acabarán emigrando de Galicia estímase entre 178 e 311 millóns de euros ao ano
Naquel informe xa se advertía de que a emigración de egresados universitarios de Galicia supón “un custo por formar titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (supoñendo que os estudantes rematan a súa formación en catro anos), cantidade que se amplía aos 311 millóns (se a rematan en sete)”.
Os expertos calcularon que esta emigración pode supor unha perda de nacementos anual de 1.500 nenos e nenas, o cal é outro problema engadido para a debilitada demografía galega.
Ademais, calcularon que se deixarán de crear anualmente ao redor de 315 novas empresas.
Por iso, pediron “un esforzo maior en materia de emprego que permita axustar a oferta coa demanda de traballo”, ademais de crear empresas innovadoras e de maior tamaño, aprobar políticas públicas e privadas que posibiliten competir en igualdade de condición, impulsar as actividades relacionadas coa tecnoloxía en Galicia., mellorar a cooperación entre o sector produtivo e o Sistema Universitario de Galicia, garantir a calidade de vida de mozos e mozas para que non emigren e desenvolver políticas de retorno e atracción de talento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.