Denuncian o "abandono da Xunta" das mariscadoras a pé ante a situación "insustentable" do sector

Así o sinalaron este mércores nunha rolda de prensa na que lembraron que, en outubro do pasado ano, tiveron "unha riada" que a propia Xunta "cualificou de catastrófica".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2024 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

Os colectivos das mariscadoras a pé da Illa de Arousa, Carril, Vilaxóan, Rianxo, O Grove e Noia, denunciaron o "total abandono" por parte da Xunta ante a situación "insustentable" pola que pasa o sector.

Así o sinalaron este mércores nunha rolda de prensa na que lembraron que, en outubro do pasado ano, tiveron "unha riada" que a propia Xunta "cualificou de catastrófica".

Foi entón, continuaron, cando o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediu ao Goberno central que declarase ás rías galegas afectadas como 'zona catastrófica'.

"Un ano e dous meses despois, a Xunta sacou unha única axuda de 550 euros, pago único", --que foi publicada no DOG o 1 de febreiro, días antes das eleccións autonómicas, e que o propio sector cualificou no seu día como "unha esmola"-- lamentaron.

Esa axuda "tampouco chegou a todas as mariscadoras", xa que "moitas quedaron sen cobrar" porque para a Xunta "gañar en tres meses 3.000 euros é moito gañar".

O colectivo pediu que o Executivo galego "faga público" a porcentaxe das axudas que executaron para "poder diferenciar a propaganda da realidade".

Tamén, detallaron que o 12 de agosto saíu unha liña de axudas destinadas a mariscadores, no que o "70%" está financiado por fondos europeos, "por un importe 1,25 millóns de euros".

Dita contía é "claramente insuficiente" para poder ter unha "cantidade digna por mariscadora". Ademais, explicaron, deberían facer unha media dos días traballados no tres anos anteriores, o que significa "non ter en conta" que houbo riadas e, por conseguinte, non puideron traballar.

A XUNTA "NON AS QUERE NO MAR"

Por todo iso, preguntáronse para que serven os plans de explotación e por que a Consellería do Mar "non responde" ás diferentes peticións de reunión por parte colectivo.

As mariscadoras "teñen claro" que a Xunta "non as quere no mar" e que proxectos como o de Altri ou a mina de Touro "indican a idea de abandonar a todos os sectores marisqueiros á súa sorte".

"A Xunta está a introducir un cambio de modelo produtivo", alertaron, á vez que fixeron un chamamento a manifestarse este domingo en Santiago contra a factoría que a multinacional lusa quere instalar en Palas de Rei.

Varias percebeiras en Baiona
Varias percebeiras en Baiona | Fonte: BBC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta