Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2022 | Actualizada ás 18:21
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou este domingo a súa participación no acto de homenaxe a Rosalía e Castelao organizado por Galiza Nova para facer un chamamento á mocidade galega a ser "motor do cambio real" que necesita Galicia e para construír un país con futuro "tamén, e sobre todo, para a xente nova, porque non hai futuro sen a mocidade".
"Vós tedes a enerxía, a forza e o entusiasmo para cambiar a Galicia da desolación pola Galicia da esperanza e nese reto podedes contar sempre con BNG", dixo Pontón durante un acto en San Domingos de Bonaval, en Santiago.
Pontón dixo á mocidade que eles son "a Galicia viva e dinámica" e instounos a "contaxiar a confianza ás persoas descreídas na política". "Convídovos a dicirlles que o BNG é hoxe espazo de cambio e esperanza, a ofrecer o BNG como antídoto contra a decepción e o desencanto, a ofrecer o BNG a toda a mocidade para sumar forzas a favor doutra Galicia posible", propuxo.
Ana Pontón recoñeceu que os actuais son "tempos moi duros" para a mocidade, que soportan a precariedade do paro, contratos lixo con baixos salarios e que, en ocasións, non teñen máis saída que a emigración xuvenil. Así, referiuse a unha mocidade galega que "está á cola en emancipación", xa que o diñeiro "non chega a fin de mes cando o prezo do aluguer é imposible de asumir e cando o traballo é precario ou, simplemente, non é".
No primeiro trimestre deste ano, lembrou a líder nacionalista, a taxa de ocupación da mocidade entre 16 e 29 anos foi do 34,8% e a taxa de temporalidade, do 54%, algo que se suma o encarecemento dos prezos do aluguer. "Independizarse é, cada vez, un proxecto máis complexo pola precariedade, os baixos salarios e o custo da vivenda, ao que agora súmase a escalada inflacionista que disparou o prezo de artigos básicos. As contas son fáciles de botar e non dan", apostilou.
"MOCIDADE REVOLUCIONARIA"
Durante o seu discurso, a líder do BNG sinalou que esta xeración tivo que padecer dúas crises económicas, algo que "deixa pegada tamén na saúde, no estado de ánimo, nos proxectos de futuro" e "na capacidade para ser felices". "Non nos podemos permitir que a tristeza se impoña. A mocidade ten que ser revolucionaria e iso significa saber que podemos darlle a volta á situación, crer en nós e traballar por conseguir cambiar este país ancorado na parálise do PP", recalcou.
Para a mocidade galega, o BNG propón un Plan de emprego xuvenil que garanta a inserción laboral deste colectivo, defende o incremento dun 15% das bolsas de estudo e aposta por unha política de vivenda que lles permita desenvolver os seus proxectos de vida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.