Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2022 | Actualizada ás 13:27
Un bebé de dous meses foi atopado morto na noite do mércores nunha vivenda de Lalín e, aínda que foi derivado ao Hospital Clínico de Santiago, non puideron facer nada por salvalo. A Garda Civil abriu unha investigación, pero haberá que agardar ao resultado da autopsia para coñecer as causas e posibles responsabilidades derivadas deste suceso.
Segundo diversas fontes dos servizos de emerxencias e das forzas de seguridade, a primeira alerta deuse ao 061-Urxencias Sanitarias sobre as 23,15 horas da noite. Seguidamente, mobilizouse unha ambulancia medicalizada da PAC de Lalín, que se encargou do traslado do neno ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Durante o traxecto, os profesionais tentaron reanimalo sen éxito, polo que unha vez chegou ao hospital da capital galega, minutos antes da medianoite, só puideron confirmar o falecemento.
O 112 Galicia tivo constancia pouco antes das 00,00 da noite deste suceso unha vez en Santiago e informou do sucedido á Policía Nacional e á Local.
Con todo, a investigación lévaa a Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín. De acordo con fontes da Benemérita, haberá que esperar ao informe do forense para determinar a causa da morte e, a partir de aí, determinar se podería existir algunha responsabilidade por parte dos pais.
Segundo fontes municipais, trátase dunha familia que estaba xa no foco dos Servizos Sociais do Concello de Lalín, pero "non se deixaba axudar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.