Por GC Tendencias | Monforte | 02/09/2014 | Actualizada ás 13:00
O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra está a repetir este verán varios innovadores programas que xa foron un éxito o pasado ano. Para achegar visitantes a esta comarca ideáronse fórmulas diferentes do xa coñecido catamarán dos Canóns do Miño e do Sil. Cómpre lembrar que a Ribeira Sacra é famosa en todo o mundo pola calidade dos viños criados nas ladeiras destes dous ríos mediante a "viticultura heroica", a riqueza das súas igrexas e edificios románicos e a espectacularidade das paisaxes labradas polos ríos.
Así, pois, aínda se pode aproveitar o programa "viñobús", que está pensado para os viaxeiros que cheguen en coche a Monforte (6 de setembro) ou á capital de Ourense en tren (13 setembro). Alí a organización recólleos para un percorrido guiado co fin de coñecer varias adegas das Ribeiras do Sil e das Ribeiras do Miño (degustación de viño de balde), de visitar algún edificio de interese patrimonial e de gozar da obrigada visita ao coñecido Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos.
O prezo é de 10 euros e os nenos menores de 14 anos pagan só 6 euros. Como alternativa a este servizo dicir que tamén está dispoñible ata finais de setembro un servizo “premium” de “viñobús personalizado” O percorrido pode contratarse para medio día ou para día completo, faise en monovolume para grupos de 7 persoas máximo e hai que reservar por teléfono con 24 horas de antelación.
Tamén existe un conxunto de rutas guiadas en automóbiles particulares, organizadas baixo o título de "Rutas guiadas de románico Ribeira Sacra". Os participantes deberán desprazarse en vehículos particulares e presentarse nos puntos de encontro ás horas indicadas sen necesidade de facer reservas previas. As visitas serán conducidas por catro guías titulados e a inscrición ten un custe de 6 euros para as persoas adultas; os menores de 14 anos non pagan nada. Hai 5 rutas que están operativas ata o 5 de outubro e realízanse entre o mércores e o domingo dependendo da ruta escollida:
Ruta 1. Ruta do Concello de Pantón.
Punto de encontro: Mosteiro das Bernardas en Ferreira de Pantón
Saídas: mércores ás 10.30 h. e venres ás 16.30 h.
Ruta 2. Ruta do Saviñao.
Punto de encontro: Concello de Taboada.
Saídas: mércores ás 16.30 h. e venres ás 10.30 h.
Ruta 3. Ruta do Concello de Chantada.
Punto de encontro: diante da Casa da Cultura, oficina de Turismo en Chantada.
Saídas: xoves ás 10.30 h. e sábados ás 16.30 h.
Ruta 4. Ruta do Concello de Sober.
Punto de encontro: diante da Casa do Concello de Sober.
Saídas: xoves ás 16.30 h. e domingos ás 10.30 h.
Ruta 5. Ruta do Concello de Carballedo.
Punto de encontro: Casa do Concello A Barrela.
Saídas: sábados ás 10.30 h.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.