Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2022 | Actualizada ás 13:25
A Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes) mostrou o seu descontento co novo Decreto Lei, publicado no BOE este martes, sobre as medidas de aforro enerxético impostas pola UE que, consideran, suporalles un gasto extra a moitas gasolineiras.
Explican que a nova norma obrigará aos empresarios a levar a cabo obras nas tendas das gasolineiras para manter pechadas as portas cando estea en funcionamento o aire acondicionado ou a calefacción. A única maneira de cumprir, insisten, é a instalación de portas automáticas ou un brazo de peche automático ás portas manuais.
Isto suporá, continúan, "un novo desembolso que se suma aos anticipos que están a realizar con motivo das bonificacións ao carburante". Bonificacións que tivo que aprobar o goberno tras o gran aumento de prezos aos que as propias gasolineiras e grandes petroleiras someteron aos usuarios e que provocaron beneficios multimillonarios na conta das multinacionais petroleiras.
Tal e como apuntan nun comunicado, en moitos casos as gasolineiras dispoñen de aparellos de aire acondicionado centrado na tenda, afastado dos expendedores e se se sitúan a 27 graos, os empregados traballarán a máis de 30 graos toda a xornada.
A isto engaden que, a raíz do sistema de bonificacións, todos os usuarios deben pagar en tenda "e manter as portas pechadas en todo momento supón un problema adicional". "Tampouco axuda a esixencia por parte da Administración de acometer estes cambios con tanta prema. O Decreto Lei indica un prazo dunha semana para adaptarse ás novas normativas", lamentan ao falardunha norma imposta pola UE.
"INCOHERENCIA" DA ADMINISTRACIÓN
Aínda que a federación recalca que as estacións de servizo están dispostas a cumprir coas medidas de aforro e de eficiencia enerxética, consideran que "esta présa non é coherente coa lentitude coa que se están abordando as devolucións das bonificacións de 20 céntimos que as gasolineiras deben adiantar".
A este respecto, critican que na gran maioría dos casos as devolucións prodúcense un mes despois de realizar o adianto, "de maneira que o empresario convértese nun prestamista do Estado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.