A contratación de persoas con discapacidade alcanza o seu máximo histórico en Galicia

Con todo, a súa participación no mercado laboral segue sendo deficitaria (34%).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

As últimas cifras oficiais achegadas polo Servizo Público de Emprego Estatal marcan un máximo histórico na contratación de persoas con discapacidade en Galicia, que entre xaneiro e xullo de 2022 alcanzou os 4.171 contratos, un 28% máis que en 2021 e superando nun 24% as cifras logradas en tempos prepandemia (3.359).

Tal e como explicou a Fundación Adecco, detrás deste incremento "subxace, indubidablemente, a recuperación económica, tras deixar atrás a etapa máis dura da emerxencia sanitaria", pero tamén "un paulatino cambio de mentalidade na sociedade e nas empresas, propiciado precisamente pola pandemia". "Deste xeito, as compañías son cada vez máis conscientes do talento que achegan as persoas con discapacidade, vendo reforzados valores como o sacrificio, a superación ou o esforzo, tan necesarios nunha sociedade diversa e competitiva", sinalan.

Ademais, a consolidación da lei que esixe ás empresas a incorporación de persoas con discapacidade (que en 2022 cumpre 4 décadas) e a maior visibilidade da discapacidade durante os últimos anos grazas, entre outros, á globalización e ao auxe das redes sociais, fixeron que o emprego deixe de ser considerado unha utopía reservada a uns poucos.

No entanto, apunta Adecco, aínda incrementándose a contratación, a participación das persoas con discapacidade no mercado laboral segue sendo deficitaria (34%), o que quere dicir que o 66% das que se atopa en idade laboral non ten emprego nin o busca. A taxa de actividade elévase en 42 puntos porcentuais para o resto da poboación, ata alcanzar o 76% segundo a enquisa EPD 2020 do INE.

Co propósito de equiparar a formación das persoas con discapacidade co resto da poboación e lograr a súa inclusión laboral, a Fundación Adecco lanzou o V edición das súas bolsas formativas destinadas a estudantes de grao, máster ou FP, aos que se becará con axudas de ata 2.000 euros por solicitante. En total, a Fundación Adecco destinará un orzamento de 200.000 euros para apoiar a mocidade nada entre 1992 e 2006 que conte cun certificado de discapacidade igual ou superior ao 33% e que teña matrícula en vigor no curso 2022-2023. Con esta cantidade alcánzase un investimento de 1.300.000 euros no último lustro.

Empregado con discapacidade unha empresa
Empregado con discapacidade unha empresa | Fonte: ONCE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta