Sanxenxo volverá mobilizarse contra "listas de agarda de ata un mes" nos centros de saúde

A plataforma cidadá en defensa da sanidade no concello participará nunha manifestación o próximo 14 de outubro en Vilagarcía.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2022 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

SOS Sanidade Sanxenxo vén de denunciar nun comunicado a "falta de compromiso", tanto do Sergas como da xerencia da Área Sanitaria Pontevedra – O Salnés, "de cara a mellorar a situación do servizo sanitario público no concello de Sanxenxo", motivo polo cal a plataforma en defensa da sanidade pública participará na manifestación comarcal promovida por SOS Sanidade Salnés o próximo 14 de outubro en Vilagarcía.

Concentración pola sanidade pública en Sanxenxo
Concentración pola sanidade pública en Sanxenxo | Fonte: SOS Sanidade Sanxenxo

A plataforma denuncia que "xa en pleno mes de setembro, seguimos cun só médico en cada Centro de Saúde (Baltar e Vilalonga), sen que se cubran ausencias, e con tres enfermeiras menos no caso do de Baltar". Dada a situación, as listas de espera para citas de consulta de Atención Primaria é de "ata un mes".

 

"O grupo de enfermaría repártese o traballo das persoas ausentes para tentar que os pacientes non queden sen atender, pois son responsables do seguimento de moitas das patoloxías crónicas da poboación mediante probas como a medición de tensión, analíticas, electrocardiogramas...", explica a plataforma cidadá nun comunicado, que acusa a Xunta de "escusarse en que non hai profesionais dispoñibles": "a realidade é que na última convocatoria de emprego que se fixo houbo máis de tres facultativos por praza ofertada", sentenzan.

Así mesmo, lembran que a recollida de sinaturas para a ILP de Sanidade, na que se solicita "que se garantan os recursos sanitarios necesarios para atender adecuadamente a poboación", continúa diante do CS de Baltar (Portonovo) os luns e xoves de mañá, en Vilalonga os martes, e tamén de forma continua en establecementos colaboradores.

Así mesmo, a plataforma anuncia que darán comezo a un percorrido de recollida cada sábado nunha parroquia. Así, o 10 de setembro estarán presentes na Cafetería da Casa das Canteiras en Noalla de 17,00h. a 19,00h.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta