Coa visita destes turistas benefícianse especialmente a hostelería de Vigo, da zona céntrica. Onde se aprecia que o consumo que realizan fundamentalmente está nas terrazas da rúa do Príncipe. Pouco máis é o que consumen na nosa cidade. Outra parte dos crucecitas aproveitan para visitar Compostela. Os que se quedan na nosa cidade deambulan sen ningunha programación pola cidade, chamándolle a atención a escultura do vendedor de xornal Manuel Castro que co seu dedo sinala o ceo. (O xornal que sostiña co seu dedo segue sen aparecer).
O recordado Castro é a foto obrigada dos turísticas que se marchan sen entender de que se trata, aquel monumento dun home baixiño, que mira para o ceo sinalando o infinito. Quizais nos leste sinalando que todo nos iremos para o ceo. Menos os políticos vigueses que nos gobernaron durante tantos anos e converteron á nosa cidade na capital do enchufismo. A eles debémolos de enviar todos xuntos ao inferno, nas próximas eleccións municipais.
O certo é que a nosa cidade polo seu clima, non pode ofrecer como única opción o seu sol e as súas praias. Este ano o verán foise ao Caribe. Doutra banda a industria do turismo sostenible debe ser parte dun proxecto de cidade, que poida xerar actividade comercial, para os empresarios e emprego para os vigueses.
A posibilidade de que o próximo goberno municipal este dirixido por unha plataforma cidadá -cando os distintos espazos alternativos da cidade decidan confluír, chamase Marea de Vigo, Gañemos Vigo ou o BNG- abre a posibilidade de poder discutir e programar unha política activa do noso turismo local. O cal debe ser complementario con outros lugares próximos da cidade ou do norte de Portugal.
Vigo a parte da súa paisaxe e a súa gastronomía, ten que ofrecer aos turistas cultura e espazos de lecer, para visitar no longo inverno. Para iso é necesario reestruturar os museos da cidade, reconvertendo algúns deles, como o Museo da Palabra, que foi un fracaso anunciado durante o goberno de Carlos Príncipe.
A experiencia indica que algúns sobran ou están mal deseñados e que faltan outros como o Museo da Emigración Galega. O museo da emigración de Nova York é o máis visitado do país máis poderoso do mundo. ¿Como se pode entender Galicia e Vigo sen un museo da emigración?. Cando foi este fenómeno, xunto á pesca e a industria naval, a impulsora do crecemento da nosa cidade.
Cando era Presidente da Autoridade Portuaria o gran vendedor de ilusións Abel Caballero o noso “Pinocho vernáculo” prometera na Estación Marítima un espectacular acuario, só quedo a maqueta. Tamén nos recordamos da promesa demagóxica electoral do PP, como foi o Monte Encantado, do ex alcalde Manuel Pérez.
O certo é que a nosa cidade clama por unha política activa de desenvolvemento do turismo sostenible, para iso débese convocar a todos os sectores implicados e interesados en potenciar ao turismo como motor de desenvolvemento da nosa cidade.