Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2022 | Actualizada ás 14:06
Galicia é o fogar do segundo supercomputador con máis potencia e mellores prestacións do Estado. Trátase do Finisterrae III, terceira evolución do supercomputador do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e que se atopa en funcionamento desde o pasado mes de marzo, aínda que a súa inauguración oficial se postergou ata este setembro.
O acto, celebrado na sede Cesga no campus universitario de Santiago, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do seu 'número dous' no Executivo autonómico, Francisco Conde, e polo subdirector xeral de Grandes Instalacións Científico-Técnicas do Ministerio de Ciencia e Innovación, José Ignacio Doncel, e o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC, José María Martell.
O director do Cesga, Luís Orosa, foi o encargado de guiar a comitiva polas instalacións do centro, onde, tras recibir unha introdución ao funcionamento e aplicacións prácticas do Finisterrae III, puideron coñecer a infraestrutura tecnolóxica da que se valen para os seus estudos e investigacións entidades académicas, gobernamentais e empresariais.
A primeira versión do supercomputador Finisterrae botou a andar en 2007. Sete anos máis tarde, en 2015, chegou o Finisterrae II, que foi agora substituído por unha terceira evolución grazas a un investimento de 7 millóns de euros que permitiu multipicar "por seis" a capacidade do seu predecesor.
Finalizada a visita, o presidente galego destacou que contar cunha ferramenta como o supercomputador do Cesga outorga a Galicia "argumentos moi sólidos" para ser "unha candidata moi a ter en conta" na carreira por albergar a sede da Axencia de Intelixencia Artificial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.