Touriño reclama que o PSdeG sexa unha alternativa "crible" ao PP para chegar á Xunta

O expresidente socialista da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, sinalou que "nesta continuidade tan grisácea, o que necesitamos é ter seguridade e crear certezas fronte á cidadanía".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2022 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O expresidente socialista da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, animou ao PSdeG a converterse na alternativa "boa e crible" para a Xunta para frear "o peso" que, lamentou, perde Galicia respecto ao Estado desde hai unha década.

"Galicia perde peso no conxunto de España. Entre 2009 e 2019, crecemos menos, perdemos poboación, perdemos emprego. E tamén noutros temas como a capacidade de adaptación da sociedade dixital ou o liderado en enerxías renovables. E, en termos medios, non só respecto da media nacional, senón tamén con outras comunidades", defendeu Touriño nunha entrevista concedida a Cadea Ser Galicia e recollida por Europa Press.

Tras máis dunha década cun Goberno na Xunta con maiorías absolutas, "cabe pensar", apunta Touriño, que "sería bo e razoable ter unha alternativa boa, crible" que expoña "un proxecto que alterase ese camiño de perder peso".

O ex presidente evitar dar consellos á actual dirección do PSdeG, pero si deixa unha "reflexión". "Nesta continuidade tan grisácea, o que necesitamos é ter seguridade e crear certezas fronte á cidadanía", comentou.

A este respecto, defende a "fortaleza municipal" dos socialistas, "cunha capacidade de conexión coa cidadanía na proximidade como ningún outro partido en democracia". "Temos que trasladalo a nivel autonómico", apuntou.

"É verdade que partimos dunha posición na que somos os últimos na competición electoral, pero xa pasamos por situacións deste tipo e conseguimos chegar á presidencia da Xunta creando un Goberno de coalición, progresista. O proxecto necesita maduración e creo que nesas estamos", asegurou Touriño, que ve aos socialistas con forza e proxectos sólidos en temas como a sanidade.

En canto ás próximas eleccións municipais, Touriño avisa de que "cada elección é un mundo", con "regras propias" e "unha cousa non garante automaticamente a outra". "Temos que lanzar a idea de que temos un proxecto global para todo o país, para facer fronte aos seus problemas transversais", insistiu.

UNIÓN EUROPEA MÁIS INTEGRADA

Por outra banda, Pérez Touriño reivindicou a necesidade de traballar nunha Unión Europea "máis integrada" e cualificou de "utopía" crer que a volta á 'Estado-nación' pode resolver os problemas nun mundo interconectado.

"A historia demóstranos que a unidade de Europa é unha causa nobre e decisiva. En cada crise observamos como son os instrumentos comunitarios os que nos permiten saír adiante. Europa é decisiva", aseverou.

Nesta liña, apunta que os nacionalismos teñen unha "alerxia a compartir" a soberanía. "O reclamo do Estado propio é un atraso histórico. A Unión Europea naceu como resposta aos nacionalismos hexemónicos que estiveron a piques de destruír o continente. É un camiño sen sentido. Temos que ser capaces de entender que hoxe en día son necesarias a cogobernanzas multinivel", detallou.

Lamenta o ex líder dos socialistas galegos o pouco apego dos cidadáns a Europa e, para emendar esa situación, aposta polo "avance democrático" de Europa, "cun verdadeiro Parlamento e Executivo, e cun verdadeiro orzamento". "Hai que achegar Europa aos cidadáns e darlle de verdade capacidade económica", indicou.

Insiste Emilio Pérez Touriño en reflexionar e sacar leccións da crise provocada pola pandemia e en como se enfrontou a UE a estas situacións, que favoreceu que recobre peso como "unidade xeopolítica". "Hai que tirar por ese camiño", asevera.

O expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño presenta o seu libro 'O horizonte europeo'.
O expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño presenta o seu libro 'O horizonte europeo'. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Eu nestas palabras non vexo máis camiño co da xubilación dourada... Para ser cribles deberan ter solucionado o prezo da luz (calefacción só para ricos), para ser cribles logo de meter 44.000 M€ na Sareb aínda non vimos unha soa vivenda pública en aluguero ! Para ser cribes non podemos soportar que se metan luces de Nadal full time mentras Stellantis Vigo ameaza con perder proxectos de futuro na factoría e reforza a producción na súa factoría de Kenitra en Marrocos (será cousa do pacto con Mohamed VI a cambio do Sáhara) ? En fin, polas súas obras os coñeceredes... En Vigo temos unha boa representación : Caballero & Carmela Silva & David Regades ! Esta pandilla disque vai gobernar Galicia ? Será, será...

1 Nopodemos

Si governarán, son iso que se autodominan, constitucionalistas. Presentou un libro no que di claramente que hai que combater aos nacionalismos excluintes. Será que é españolista ou constitucionalista e pode decir o que é escluinte e o que non.