Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2022 | Actualizada ás 19:22
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu este luns a Comisión Galega de Protección Civil na que se informou favorablemente da revisión e actualización do plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro. Este complexo industrial acolle as instalacións de Reganosa e de Forestal do Atlántico e Imegasa, en Mugardos.
Aínda que no encontro púxose o foco na revisión do plan de emerxencia exterior deste complexo, tamén se aprobaron os plans de Foresa-Caldas, Syngenta e Gasib.
Estes plans de emerxencia exterior son elaborados pola Xunta e teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e desta forma responder adecuadamente para minimizar as consecuencias ante calquera accidente. Así mesmo, establece medidas de actuación ante estes riscos que involucran ás propias empresas, aos medios de emerxencias locais e á cidadanía que poida resultar afectada.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou nesta reunión na que explicou o procedemento nos simulacros e exercicios realizados ao longo de 2022 para comprobar a efectividade destes plans de emerxencia autonómicos.
Segundo Villanueva, leváronse a cabo un total de dez actuacións dirixidas a facer fronte a unha "hipotética situación de emerxencia", derivada dun accidente ou catástrofe, e que serviron tanto para comprobar a eficacia das medidas deseñadas como para definir posibles melloras.
NOVO DECRETO DE PLANS DE AUTOPROTECCIÓN
No pleno tamén se informou do novo decreto de plans de autoprotección, que entra en vigor en abril de 2023, nos que se establecen o catálogo de actividades que se acollerán a estes.
Como novidade neste novo decreto, a Xunta prevé diversas accións divulgativas para impulsar o seu coñecemento entre as entidades que deban aplicalo, como a organización dunha "xornada informativa específica" a principios do próximo ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.