Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/01/2025 | Actualizada ás 21:00
"Nós retiramola --a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da Unesco-- polas indicacións que nos daban os expertos, que nos recomendaban madurala máis para ter éxito, como cremos que imos ter agora. Esa foi a razón e non manter unha candidatura chamada ao fracaso". Así explicou o presidente galego a polémica causada polo alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, sobre a polémica retirada desta candidatura.
“Se non fose por ese xesto, sería imposible que a UNESCO declarase á Paisaxe da Luz como patrimonio cultural” , asegurou Almeida en FITUR durante a presentación da oferta turística de Galicia. Entidades de defensa do patrimonio denunciaron entón a existencia dun posible pacto que revela unha dimensión ata o de agora descoñecida do proceso que cuestiona a narrativa oficial presentada pola Xunta de Galicia en 2021.
Pero, Rueda, cuestionado por esta cuestión criticou duramente a estas entidades. "Lamento que cando non saben que dicir, digan isto", dixo. Así, motivou este comentario de Almeida na "coloquialidade" e nas "mostras de cariño" con Galicia. "Lamento que, cando alguén fai mostras de cariño con coloquialidade, o seu apoio se terxiverse", dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
O presidente galego insistiu en criticar a estas entidades, entre elas O Sorriso de Daniel. "Eu teño a sensación que, a estas organizacións, dixera o que dixera o alcalde de Madrid, xa lle ía parecer mal", comentou. Ao tempo, destacou o apoio de Almeida ao turismo de Galicia. "Eu quero agradecerlle ese apoio a Galicia e vir aquí e dinamizar a nosa economía", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.