Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/01/2025 | Actualizada ás 11:30
O Tribunal Supremo confirmou a absolución do escultor galego Enrique Tenreiro que pintou unha pomba da paz na tumba do ditador Francisco Franco na Basílica do Valle de los Caídos o 31 de outubro de 2018.
Os maxistrados da Sala do Penal adoptan esta decisión ao desestimar o recurso que presentou a Asociación para a Defensa do Valle de los Caídos. Así, ratifican a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) de absolver ao acusado dos delitos contra a liberdade de conciencia e de profanación e danos en tumba, tendo en conta que entenden que dita conclusión foi "razoable e motivada".
Na sentenza, recollida por Europa Press, o tribunal desestima todos os motivos alegado no recurso ao considerar que non cabe modificar os feitos probados. Ademais, conclúe que non pode afirmarse que a acción do acusado impedise o exercicio da liberdade relixiosa de quen puidesen asistir á Basílica para unha celebración que aínda non comezara.
Os feitos probados da sentenza confirmada sinalan que "o 31 de outubro de 2018, sobre as 10,55 horas, o acusado accedeu á Basílica cando aínda non empezara a misa, cuxa celebración estaba prevista ás 11 horas, e sen que conste que tivese intención de interrompela senón de facer expresión das súas ideas sobre a presenza da tumba de Francisco Franco".
UNHA POMBA DA PAZ EN COR VERMELLA
Segundo a resolución, o home pintou sobre a tumba "e en cor vermella unha pomba da paz co texto 'pola liberdade". Seguidamente, dixo en voz alta: "Pola reconciliación dos españois". O artista realizou esta "performance" na véspera do día de defuntos pola reconciliación dos españois, tal e como manifestou no xuízo. Afirmou entón que nin Benito Mussolini nin Adolf Hitler gardan sepultura en lugares públicos e que o féretro do ditador estaba "fóra de lugar" nun mausoleo "pago por todos".
Este acto produciuse no medio do debate que se xerou na sociedade ante a exhumación dos restos do ditador, que finalmente foi trasladado en outubro de 2019 ao cemiterio de Mingorrubio, situado no Pardo. A Asociación para a Defensa do Valle de los Caídos solicitou no xuízo dous anos e medio de cárcere por profanar a tumba e interromper unha misa. O fiscal pediu que se lle condenase por un delito contra a liberdade de conciencia e reclamaba que indemnizase a Patrimonio Nacional do Real Sitio de San Lorenzo del Escorial na cantidade de 833,41 euros "polos danos e prexuízos causados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.