A Xunta pide ao Goberno que non atenda á petición da patronal eólica de declarar inconstitucional a normativa galega

Os cambios na normativa autonómica obrigarían, entre outras cousas, a repotenciar parques con muíños de máis de 25 anos ou garantir a venda de, polo menos, a metade da produción da enerxía a consumidores locais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2025 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, instou ao Goberno central a non atender a petición efectuada pola Asociación Empresarial Eólica que reclama a interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra as medidas aprobadas polo Executivo galego na lei de acompañamento aos orzamentos sobre o sector da enerxía eólica. Así o manifestou en declaracións aos medios difundidas este mércores tras coñecerse, nunha información avanzada polo diario El Mundo, o envío de cartas por parte da patronal estatal eólica ao Goberno nas que reclaman a presentación dun recurso de inconstucionalidade contra os cambios na normativa autonómica que obriga a repotenciar parques con muíños de máis de 25 anos ou garantir a venda de, polo menos, a metade da produción da enerxía a consumidores locais.

Muíños eólicos
Muíños eólicos | Fonte: EDP - Arquivo

Para Lorenzana, o goberno de Pedro Sánchez "ten unha extraordinaria oportunidade" de "dar un paso a favor da industria" e "demostrar" que a súa política económica, enerxética e ambiental "non é un postureo" senón que "aposta realmente" por abaratar o prezo para os cidadáns, "mellorar" o impacto paisaxístico e tecnolóxico dos parques e "apoiar" que os proxectos de explotación eólica "deixen parte dos beneficios nas comunidades locais". Desta forma, cre que o Executivo central debe desatender estas peticións de parte da industria eólica. "Teñen unha extraordinaria oportunidade de situarse a favor de determinadas multinacionais enerxéticas ou situarse a favor da empresa no territorio, a empresa en España, o desenvolvemento industrial en España e o abaratamento da factura enerxética aos cidadáns españois", engadiu Lorenzana, que estende esta mensaxe tamén ao PSdeG e o BNG.

Así, lembra que o Goberno "non interpuxo ningún recurso" de inconstitucionalidade contra normas doutras comunidades que considera "moito máis agresivas desde o punto de vista da liberdade de empresa", polo que tamén entende que Sánchez ten aquí "unha oportunidade magnífica" de "demostrar" que o Goberno mantén un "trato igualitario" con "todas" as autonomías. En todo caso, a responsable de Economía no Goberno autonómico valorou "o traballo que a maior parte das empresas enerxéticas están a levar a cabo" en Galicia e que, di, "están repotenciando" parques de forma "voluntaria" antes da aprobación da lei de medidas fiscais que inclúe os cambios para o sector e que Lorenzana defende que "van redundar en mellores beneficios para eles por maior potencia", ademais de "redundar nunha mellora na aceptación social e no crecemento económico" da Comunidade galega.

O PARLAMENTO APOIA A REPOTENCIACIÓN DOS PARQUES EÓLICOS

O Parlamento de Galicia instou este mércores á Xunta e ao Goberno a adoptar medidas de repotenciación de parques eólicos antigos que permitan unha mellora ambiental e un uso eficiente dos recursos. En concreto, a proposición non de lei, defendida polo deputado do PPdeG Rubén Lorenzo na sesión do martes, foi aprobada este mércores co voto a favor dos populares e a abstención de BNG, PSdeG e DO. Ademais, na sesión, saíu adiante por unanimidade outra proposición non de lei, neste caso defendida polo deputado do PSdeG Xullo Abalde, para instar á Xunta a remitir e explicar no Parlamento, o máis axiña posible, a proposta de creación da Fundación Pública para o Impulso da Ciencia de Galicia, incluíndo toda a información sobre a súa estrutura, competencias, funcións e financiamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

A patronal eólica saiulle rana a Rueda. O socio autóctono dos ladróns pídelle ao rei destes que deixen algo na casa. O PP sente o bafo do BNG detrás das orellas..