Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2025 | Actualizada ás 21:36
Nacionalistas e socialistas ven ao PPdeG con poucas ganas de chegar a acordos no debate do Estado do País, mentres que os populares din que xa ofreceron actodos en 70 resolucións.
Neste sentido, a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Ollala Rodil, denunciou que o PP "veta" as súas propostas e lamentou "profundamente" a "falta de vontade negociadora" que, na súa opinión, mostra o PP; unha "falta de interese" en chegar a pactos que tamén critica o PSdeG, que considera que a formación popular "non está moi interesado en chegar a acordos".
O BNG sostivo que presentou ata 13 ofertas de transacción coa vontade de chegar a acordos sobre os temas que "de verdade preocupan ás galegas e aos galegos, para mellorar as condicións de vida da xente e facer que Galicia avance". Con todo, indicou o PP non mostrou vontade de achegar posturas e, ao longo da tarde, "xa dixo que non a acordos en temas de tanta relevancia como a saúde mental, dependencia, vivenda, infancia, lingua e mocidade".
Na mesma liña situáronse os socialistas. Fontes da formación que lidera José Ramón Gómez Besteiro aseguraron que tamén constatan que o PP "non está moi interesado en chegar a acordos: só quere falar do seu". O PSdeG asegura que as propostas do PP resúmense nun "cambia todo o teu para meter o meu". "E así, como é evidente, resulta imposible avanzar". "Hai pouca vontade de diálogo por parte do PP e pouca concreción no resto de grupos", apunta o PSdeG.
Pola súa banda, o PP galego trasladou ao resto de grupos con representación no Parlamento --BNG, PSdeG e Democracia Ourensana (D.O.)-- un total de 70 ofertas de transacción, para tratar de sacar adiante propostas de resolución no marco do Debate sobre o Estado da Autonomía. Así mesmo, segundo fontes do partido, mentres se apuran as negociacións na Cámara autonómica, os populares tratan de articular un acordo que sexa "asumible para todos" en materia de financiamento e débeda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.