O 16 % dos apelidos galegos, case un de cada dous, están rexistrados coa súa forma castelanizada

Os apelidos "castelanizados" poderán restituírse á súa "forma xenuína" mediante unha solicitude no rexistro civil, segundo apuntou a Real Academia Galega tras publicar a súa nova Guía de Apelidos Galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2025 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) advertiu coa publicación da nova Guía de Apelidos Galegos de que o 16 % dos apelidos galegos están castelanizados, porcentaxe entre a que se atopan "algúns dos máis frecuentes", o que crea unha "maior visibilidade social". É unha das conclusións que se expuxo este mércores nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela na que partiparon a coordinadora da guía, Ana Boullón, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Ana Boullón lembrou no acto que a Lei do rexistro civil de 1999 permite restituír os apelidos galegos castelanizados á súa "forma xenuína". Por iso, a nova guía inclúe un informe que busca "facilitar a xestión" deste cambio, que se pode solicitar nos rexistros civís. Un dos apelidos que exemplifica esta problemática é Otero, rexistrado 40.000 veces na súa forma castelanizada, fronte ao seu homólogo galego, Outeiro, que non chega a 300. Así mesmo, a recentemente estreada guía conta cun buscador en liña que permite consultar os 6.000 apelidos que contén e que abarcan case ao 95 % da poboación de Galicia. A anterior, que data de 2016, tiña 1.500 apelidos e podía consultarse en papel ou en 'pdf', polo que desde a RAG consideran que houbo unha "ampliación significativa".

DA IDADE MEDIA ATA AGORA

Doutra banda, a RAG explicou que os apelidos galegos "parten dun conxunto léxico que se remonta, polo menos, á Idade Media". E, aínda que nun principio variaban entre xeracións, co paso do tempo convertéronse en hereditarios. Na mesma liña, a Academia informou de que hai principalmente tres tipos de apelidos galegos: os patronímicos, nomes de persoa terminados en -ez, como Méndez; os toponímicos, que sinalan lugar, como Pazos; e os referidos a profesións, como Ferreiro.

CASTELANIZACIÓN DESDE O SÉCULO XVI

Ana Boullón, académica encargada da coordinación da nova guía, explicou que foi no século XVI cando a lingua galega viuse afastada da escritura e comezou, así, a castelanización dos apelidos. Tal e como conta a RAG, a xeneralización dos rexistros, tanto os relixiosos como os civís, tivo peso neste proceso, que "afectou en maior medida aos nomes que aos apelidos". Con todo, a Academia razoa tamén que "a vontade de respectar" os apelidos naquel momento "dependeu en boa medida do escribinte ou da institución". De feito, municipios como Tui, "foron tremendamente castelanizadores".

RAG presenta unha nova Guía de Apelidos Galegos
RAG presenta unha nova Guía de Apelidos Galegos | Fonte: RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Na aplicación non dou atopado Novoa, paroxítono, mais si Nóvoa. Hugo Novoa ten que mudar o apelido?