A primeira doazón de órganos a corazón parado da historia do Hospital Montecelo de Pontevedra realizarase este xoves

O procedemento que se realiza habitualmente é en morte encefálica. O doante é un home de 72 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2025 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O Hospital Montecelo ten programada para este xoves, día 30 de xaneiro, a primeira doazón de órganos con asistolia controlada da súa historia, é dicir, a corazón parado do paciente e non en morte encefálica, como é o procedemento que se realiza habitualmente. O primeiro doante con este sistema nesta Área Sanitaria é un home de 72 anos. Pontevedra conta cun protocolo de doazón tras unha morte circulatoria, máis coñecida como doazón en asistolia controlada.

Hospital Novo Montecelo
Hospital Novo Montecelo | Fonte: XUNTA - Arquivo

Este protocolo xestiona desde febreiro do pasado ano 2024 nesta área de saúde as doazóns de órganos chegados de pacientes con dano cerebral catastrófico, enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou respiratorias en fase terminal. O coordinador da Oficina de Coordinación de Transplantes da área Sanitaria, o doutor Jose Luís Martínez Melgar, subliñou que o equipo profesional "asegura co devandito protocolo a transparencia, a información e a confidencialidade neste proceso".

A Oficina de Coordinación de Transplantes da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou durante o recentemente rematado ano 2024 a doazón dun total de nove órganos e dúas córneas rexistrados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Nesta Área Sanitaria foron detectados durante o ano pasado tres doantes reais, dun total de cinco doantes potenciais en morte cerebral, grazas aos cales se conseguiu a xestión da doazón destes órganos e tecidos. O doutor Martínez Melgar deu conta destes datos este xoves nunha rolda de prensa, na que estivo acompañado polo xerente da área Sanitaria, José Flores Arias, e polo próximo coordinador desta unidade, o doutor Ignacio Cenoz Osinaga.

No que respecta á recepción clínica destas doazóns multiorgánicas, o pasado ano 2024 a Oficina de Coordinación de Transplantes da área Sanitaria pontevedresa xestionou, en concreto, as doazóns de dous pulmóns, un fígado, seis riles e dúas córneas. O balance do pasado e 2024 revelou, así mesmo, que se deu unha única negativa familiar á doazón de órganos e ningunha contraindicación médica por causas clínicas e metabólicas. Neste sentido, o doutor Martínez Melgar sinalou que ao redor do 90 % da doantes da área sanitaria pontevedresa son maiores de 75 anos, e que, no caso concreto das cifras do ano pasado, ningún puido selo de órganos torácicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta