(Vídeo) Vilanova de Arousa, o punto máis quente do narcotráfico en Galicia na actualidade: así é a zona 0

O GC desprázase ata as inmediacións da praia do Rego do Alcalde para observar como é o lugar onde os sete albaneses detidos a pasada semana cando trataban de introducir en Galicia un alixo de 1.100 quilos de cocaína abandonaron a súa semirríxida ao verse cercados pola policía.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 30/01/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vilanova de Arousa é un pequeno concello da provincia de Pontevedra de pouco máis de 10.000 habitantes que goza de todo o necesario para ser unha vila turística de primeiro nivel: boas praias, natureza, paisaxes, restauración, paseos, tendas, servizos... De feito, durante o verán, é un dos puntos máis demandados das Rías Baixas e, en especial, da comarca do Salnés. Sen embargo, ademais dos visitantes, tamén se fixan neste concello os narcotraficantes, sobre todo durante o inverno, cando a actividade nas praias é moito máis reducida polas condicións climáticas adversas. Non hai que esquecer que o mítico capo galego Manuel Charlín naceu nesta vila. Dende a súa chegada, cada vez máis organizacións se interesaron por introducir os seus alixos por este enclave da ría de Arousa. Pero, na actualidade, xa non falamos da organización de Charlín, senón de moitas outras que operan de maneira independente e que, como se puxo en evidencia no último mes, nin sequera son galegas, nin tampouco latinoamericanas, senón que están chegando dende Europa do leste.

Praia do Rego do Alcalde, en Vilanova de Arousa
Praia do Rego do Alcalde, en Vilanova de Arousa | Fonte: Turismo de Galicia

O Galicia Confidencial desprázase ata as inmediacións da zona 0 do narcotráfico galego actual, o punto quente onde no último mes se concentraron as detencións máis importantes. En concreto, dirixímonos ata a praia do Rego do Alcalde. Alí foi onde sete albaneses detidos na desarticulación da primeira banda 100 % non galega (só contaban co contacto dun veciño de Vilanova que lles aportaba información sobre o terreo como colaborador menor) abandonaron con 1.100 quilos de cocaína a bordo a súa semirríxida (de cor branca, o que chamou a atención dos investigadores) cando se viron acurralados pola policía. Esta praia é un pequeniño areal de menos de 100 metros de lonxitude ubicado na parroquia de San Miguel de Deiro, no lugar de Viña Grande. Durante os veráns conta coa presenza dos veciños da zona, pero non é un areal masivamente visitado por turistas, como pode ser o caso doutros como O Terrón. Ademais, conta con comunicación directa con varias pistas que dan saída, despois de atravesar varias aldeas, á PO-549, a estrada que une Vilanova de Arousa con Cambados. Unha desas pistas discorre case en exclusiva e durante varios quilómetros polo medio do monte, o que facilitaría aos encargados da descarga da droga o ocultamento.

E aínda que, sen dúbida, a da pasada semana foi a operación que máis comentarios espertou, precisamente por atoparse ante unha organización formada en exclusiva por albaneses, non foi a única que axitou esta tranquila parroquia de San Miguel de Deiro, onde os seus menos de 2.000 veciños xa durmen cun ollo aberto. Sen ir máis lonxe, en Noiteboa, localizaron na mesma praia do Rego do Alcalde un tractor trucado varado e outra lancha equipada con tres potentes motores, aparentemente abandonada e mal tapada cunha lona. Algo aconteceu e a operación que, evidentemente, ía ter lugar na zona aproveitando as festas do Nadal, caeu. Máis recentemente, esta mesma semana, na próxima parroquia de Santa María de Caleiro, produciuse unha aparatosa saída de vía con dous coches implicados que remataron chocando contra un muro e unhas vides. Lonxe de actuar como calquera condutor normal cando ten un accidente e chama á policía ou ao seguro, as persoas a bordo abandonaron a zona á carreira. Algunhas testemuñas dixeron despois ter visto un intercambio de maletas ou vultos dun maleteiro a outro. A policía investiga agora se este choque puido ser froito dun intercambio de contas por asuntos relacionados tamén co narcotráfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta