Caldas reclama que a Xunta reforme o comedor CPI Alfonso VII despois dun incendio sen feridos

O lume foi apagado polo persoal do centro sen que se producisen feridos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2025 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O Concello de Caldas de Reis reclamou á Consellería de Educación que acometa a renovación da instalación eléctrica do comedor escolar do CPI Alfonso VII despois do incendio declarado durante a hora da comida do mércores.

Segundo informou este xoves o goberno local de Caldas, o lume foi apagado polo persoal do centro sen que se producisen feridos. Tampouco foi necesaria a evacuación por un incidente que calcinou "conexións, enchufes e cabos".

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, incidiu na necesidade de que a Consellería de Educación asuma a adecuación do espazo do comedor, que ocupa a antiga vivenda do conserxe, onde a instalación eléctrica "está formada por liñas e cabos de hai 50 anos" que dan soporte ás máquinas da cociña.

"O perigo está aí e hai que porlle solución de maneira inmediata. Non se poden correr riscos coa seguridade do alumnado", subliñou o edil do BNG, que incide en que a instalación "era para enceder catro loces" e agora dá servizo a mesas quentes e outros aparellos do comedor.

Así, censura a "calada por resposta" da Xunta ante as reclamacións de "ampliar e reformar o comedor". "Onte pasou o que se vía vir: unha sobrecarga eléctrica que prendeu lume", engadiu antes de lembrar que, aínda que corresponde ao concello o mantemento do centro, as obras "de gran calado" para liquidar este problema "son competencia" da Xunta.

"Estamos a falar dunha cuestión de seguridade. Nin se poden pór parches nin se pode mirar cara a outro lado. Hai que acometer unha actuación seria xa. Esperamos altura de miras para unha cuestión tan importante", aseverou o tenente de alcalde.

Casa do Concello de Caldas de Reis
Casa do Concello de Caldas de Reis

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta