Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/12/2022 | Actualizada ás 10:00
O Colexio de Xoiaría de Galicia (Coxga), en conxunto coa Federación Galega de Xoieiros presentou este ano un emotivo spot de Nadal co que quere pór en valor a xoiaría de Galicia.
Como se pode ver, a mensaxe para a campaña de Nadal deste ano é un alegato a favor do colectivo e de pór en valor o papel das xoias en todas as etapas da vida. O anuncio busca amosar que a mesma xoia pode ser posta por unha rapaza xoven, unha persoa de mediana idade ou unha anciá, xa que ao final o que cambia é o contexto, mais o valor da xoia é eterno e permanece para sempre. De ahí o de 'Unha xoia para todas as vidas'.
A historia comeza nun fogar onde unha muller prepara a mesa para recibir aos seus convidados e, cando se vai arreglar, dase de conta de que a súa filla se levou a súa xoia máis especial. Cando a muller tenta chamala, xa é demasiado tarde, pois está escapando cara a súa festa de Nadal.
Alí baila e desfruta cos seus amigos, mais cando volve á casa pasa polo xoieiro da súa nai para devolverlle a xoia, e é aí onde aparece a imaxe da súa avoa lucindo a mesma xoia. "É un conto de Nadal que narra a bonita historia dunha xoia e tres xeracións de mulleres, cada unha no seu contexto, mais cun elemento que as une, o valor desa xoia que pasa de xeración en xeración adaptándose a todos os tempos", apuntan dende o Coxga.
O anuncio, que se lanzou primeiramente a través de Internet e das redes socias está integrado nas novas liñas estratéxicas do Colexio de Xoiaría de Galicia, orientada á dixitalización e ás novas tecnoloxías, sen perder o seu valor tradicional, que o posiciona como unha das principais actividades económicas do comercio galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.