Por gcdeportes | Ourense | 12/12/2014 | Actualizada ás 01:25
Ficha técnica
COB 76: Pedro Rivero (12), Salva Arco (18), Edu Martínez (8), Chase Fieler (4), Busma (6) --cinco inicial-- Suka-Umu (12), Rejón (12), Cristian Díaz (2), Tyler Brown (2) e Ben Allison (0).
Palma Air Europa 87: Di Bartolomeu (7), Casas (4), Adrián Méndez (1), Glover (23), Mario Cabanas (19) –cinco inicial-- Llorente (10), Bertone (19), Poyatos (2), Pantín (2) e Matemalas (0). Parciais: 16-21, 7-18 (23-39), 26-23, 27-25 (76-87).
Incidencias: partido da 12ª xornada da LEB Oro no pavillón Paco Paz. O encontro principiou con 20 minutos de retraso por problemas nun marcador.
O COB acabou enfadado cos árbitros, pero o Palma, cun acerto espectacular, foi mellor. Entre Bertone, Glover e Mario Cabanas anotaron 61 puntos e os mallorquinos remataron cun 53% de acerto en tiros de campo. O COB xogou un segundo cuarto desastroso, con tan só sete puntos. Con dezaseis abaixo no descanso, os ourensáns tentaron reaccionar no segundo tempo, pero o acerto visitante impediuno. Ao remate, 76-87. Cuarta derrota e terá que gañar ao CB Prat a domicilio para seguir aspirando á final da Copa Príncipe.
Dende o principio mandou o Palma. O COB tiña problemas en ataque (só unha canastra en catro minutos) e Glover e Mario Cabanas deron a primeira vantaxe (6-14) aos visitantes. O COB reaccionou cun parcial de 5-0, pero os mallorquinos mantiveron a distancia (16-21). Trala única canastra de Tyler Brown, parcial de 0-7 para o Palma, que se foi de dez (18-28). O COB loitaba por volver a meterse no partido, pero Bertone e Glover, axudados por unha técnica a Rejón, levaron o marcador ata o 23-39 do descanso.
Tralo paso por vestiarios, cada vez que o COB se achegaba un chisco, tripla visitante. Tras cinco puntos do COB, tempo de Ángel Cepeda con 36-46. Falta de Salva Arco moi protestada, e os tres tiros libres de Bertone máis unha tripla de Llorente puxeron o 36-54. Un parcial de 8-1 e unha tripla de Suka-Umu deron algo de aire aos ourensáns. Ao final do terceiro, 49-62.
Nada máis principiar o último cuarto, o COB púxose a nove, pero o Palma parou o partido cun tempo morto e a vantaxe volveu medrar ata os 18 puntos (60-78). Os 11 puntos de Salva Arco no derradeiro cuarto serviron para maquillar o marcador final: 76-87.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.