Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 10:27
Abanca obtivo un beneficio de 217 millóns de euros en 2022, o que supón un 40,7% máis, en termos recorrentes, que no exercicio anterior, unha cuestión que a entidade achaca ao "bo" comportamento do negocio e ao control do custo do crédito.
En rolda de prensa, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou que se rebaixa o dividendo do 40% ao 25% en 2023 para "fortalecer a capacidade de afrontar operacións de alto valor", nunha postura "ao contraxeito do mercado". Así o expuxo tras subliñar as oito adquisicións realizadas pola entidade desde 2015, a última a de Targobank.
Así mesmo, Abanca destaca a "alta calidade" dos resultados obtidos, que nun 94% proveñen de negocios bancarios con clientes. Este cociente era do 89% en 2021. Valora o comportamento da marxe de intereses (+14,2%) e o incremento na prestación de servizos (+9,4%), cun avance en venda de seguros e a achega dos servizos de cobros e pagos.
Ademais, supera os 111.000 millóns de volume de negocio, incluída a recente adquisición de Targobank. A isto únense 110.000 altas de clientes durante 2022, a maioría fóra de Galicia. Mentres, o cociente de capital total sitúase no 16,4%, cun colchón de 1.400 millóns sobre requisitos regulatorios. "A entidade pechou o ano desde unha posición de gran solidez financeira que a afianza como unha das máis saneadas do sistema financeiro español", remarca Abanca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.