Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2023 | Actualizada ás 15:05
Galicia rexistrou en todo o ano 2022 un total de 95.048 infraccións penais, un 7,7% máis que en 2021. No entanto, pechou o último trimestre do ano como terceira comunidade autónoma máis segura de España, cunha media de 35,3 ilícitos por cada 1.000 habitantes.
Así o recollen as estatísticas do Ministerio do Interior feitas públicas este venres e recollidas por Europa Press, que reflicten que, en comparación á taxa estatal (48,8 delitos por cada 1.000 habitantes), a Comunidade galega está 13 puntos por baixo, unha mellora da media de delitos por cada 1.000 habitantes ao longo do ano.
En termos absolutos, este balance de 2022 indica que, en Galicia, coñecéronse entre xaneiro e decembro 95.048 infraccións penais, que son máis que as 88.255 de 2021 e que as 80.024 de 2019 --os datos de 2020 non son comparables ao verse alterados polo confinamento derivado da pandemia--.
Dos máis de 95.000 ilícitos rexistrados na Comunidade galega o ano pasado, un nutrido grupo de 25.981 foron estafas. Destas, 18.547 --un 20% do total de delitos-- foron cometidos por medios telemáticos.
POR PROVINCIAS
Se se observan os datos por provincias, en todas elas aumentaron as infraccións en 2022 con respecto ao 2021: na Coruña contabilizáronse 42.729 (+5,6%); en Pontevedra 34.652 (+11,3%); en Ourense 9.392 (+8,8%); e en Lugo 8.275 (+3%).
En proporción á poboación, a provincia da Coruña é a que rexistra a taxa máis alta con 38,2 delitos por cada 1.000 habitantes, seguida de Pontevedra con 36,7, de Ourense con 30,9 e de Lugo con 25,5.
En paralelo, a Delegación do Goberno destaca que Galicia alcanzou en 2022 o maior número de efectivos de Policía Nacional e de Garda Civil da súa historia, ao chegar aos 8.756 axentes de ambos os corpos.
Esta cifra é un 6,4% superior á do ano anterior e é reflexo do "impulso decidido do Goberno de Pedro Sánchez para recuperar uns persoais afectados por anos de recortes orzamentarios e de ausencia de reposicións adecuadas", subliña a Delegación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.