Por Europa Press / Redacción | Ourense | 27/03/2023 | Actualizada ás 16:30
O candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, sentenciou este luns que "xamais" pactaría co actual rexedor e líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome; o que se aparta da liña expresada polo xefe da Deputación de Ourense e presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, que abriu a porta a reeditar o acordo de 2019 que serviu aos populares para reter o goberno provincial a cambio facer alcalde a Jácome.
O exregidor e aspirante dos populares na capital ourensá saíu ao paso para desmarcarse da postura expresada por Baltar o pasado domingo nunha entrevista na Cadea Ser na que non descartou a posibilidade de repetir tras as municipais do 28 de maio un pacto con Jácome similar ao de fai catro anos.
Cabezas, alcalde de Ourense entre 1995 e 2007, resaltou que "en ningún caso" nin el nin o grupo municipal do PP que resulte das eleccións "reeditará o pacto deste último mandato con Democracia Ourensá". "Iso téñoo claro. Xamais reeditaría ese pacto", insistiu Cabezas, que trasladou que sentía que debía ser claro sobre este asunto "porque é unha das preguntas que máis me fai a xente".
JÁCOME RESPONDE
Por mor das declaracións de Cabezas, o alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, replicou que "cando os demais partidos din que xamais pactarán con DO, tras as eleccións do 28 de maio, están a dicir que antepoñen os seus intereses fobias e filias aos da cidade".
Deste xeito, Jácome lembrou que en 2019 "sempre dixo que pactaría co diaño se con iso" conseguíase "o ceo para Ourense". "Doutra banda, cando todos os partidos están en contra Democracia Ourensá evidencia que son o establishment", sinalou o alcalde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.