A Xunta rexeita a Lei de Familias por eliminar o "concepto" de familia numerosa

Denuncia que "invade" competencias galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2023 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, denunciou que a Lei de Familias aprobada "de forma unilateral" polo Goberno central, no Consello de Ministros do martes, elimina "o concepto e o apoio" das familias numerosas e invade competencias a nivel autonómico.

"Galicia rexeita por completo a Lei de Familias", manifestou a conselleira a preguntas dos xornalistas nun acto celebrado na Coruña sobre este texto que será remitido ao Congreso dos Deputados para a súa tramitación parlamentaria. Segundo destacou, a normativa "elimina o concepto e o apoio das familias numerosas ás cales a Xunta de Galicia vai continuar protexendo en todo momento". "Cremos que esta lei invade competencias a nivel autonómico", engadiu.

A conselleira sinalou ademais que esta lexislación ten "moitísima literatura" pero é o Goberno autonómico o que pon "todas as medidas de conciliación en marcha para continuar poyando ás familias". "No seu día pedimos participar na elaboración desta lei e denegóusenos en todo momento", explicou García. Ademais, indicou que a lei vai afectar a "máis de 2.000 familias monoparentais" galegas e "vai continuar implementando máis medidas prexudicando a todas as familias galegas".

NOVA DENOMINACIÓN

A citada lei implica a creación dunha nova denominación, a de 'Familias con maiores necesidades de apoio á crianza', na que se inclúe ás familias numerosas, xunto con outras unidades familiares con diferentes circunstancias especiais, como as monoparentais con dous fillos, as familias con dous fillos onde un ascendente ou descendente teña discapacidade ou aquelas con dous fillos encabezadas por unha vítima de violencia de xénero.

"Nós imos continuar estando á beira das familias monoparentais e á beira das familias numerosas que son as que máis necesitan a nosa protección e o noso coidado", apostilou a conselleira.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, participa xunto ao candidato do PP ao concello de Santiago, Borja Verea , e ao vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, no XIII Congreso Nacional de Familias Numerosas en Santiago de Compostela
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, participa xunto ao candidato do PP ao concello de Santiago, Borja Verea , e ao vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, no XIII Congreso Nacional de Familias Numerosas en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta