Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/03/2023 | Actualizada ás 08:30
Medio cento de pasaxeiros que cubrían a ruta de Iberia de Bilbao a Santiago denuncian que foron "abandonados" pola compañía aérea en Asturias tras ter que desviar o voo, o IB8256, ao aeroporto desta comunidade pola mala climatoloxía que había en Galicia na tarde deste xoves.
Pero o que se supuña que era un problema "técnico" empeorou aínda máis porque tras ser embarcados nun autobús para seguir o camiño cara Galicia vironse doblemente afectados polos grandes lumes que arrasan Asturias e non puideron continuar a súa viaxe prevista.
"É surrealista o que nos pasou. Deixáronnos tirados", comenta unha pasaxeira en declaracións a Galicia Confidencial ao denunciar o "total abandono" de Iberia. De feito, o autobús foi desviado a unha primeira gasolineira pero tiveron que dar media volta porque estaba rodeada polos incendios. A Garda Civil levounos a outra gasolineira para "tentar beber e comer algo porque levabamos horas sen facelo".
Nesta segunda gasolineira, en Novellana, puideron tomar auga e cafés, tanto eles como os veciños evacuados de varias zonas afectados polos incendios. Moitos pasaxeiros, fartos da situación decidiron deixar o autobús e coller taxis de volta a Galicia, entre eles, familias con nenos pequenos.
Finalmente, un total de 14 pasaxeiros continuaron viaxe a Galicia pero foron desviados cara a León para entrar en Galicia polo Bierzo. Moitos deles anunciaron xa a presentación de queixas por esta surrealista viaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.