Galiza Nova acusa ao Goberno e ao PP de "complicidade" sobre a visita do rei emérito a Sanxenxo

"A monarquía española o único que representa é a dependencia do Estado español e o que fai é impedir que podamos desarollar os nosos proxectos de vida", sinalan desde a organización política xuvenil.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 17/04/2023 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, censurou a "complicidade" do Goberno central e o "beneplácito" do Partido Popular en Galicia coa visita prevista para esta semana do rei emérito Juan Carlos I á localidade pontevedresa de Sanxenxo, onde se lle espera para asistir a un campionato de vela.

Este luns, un grupo de militantes da organización coa súa secretaria xeral á fronte, Marta Gómez, e o deputado do BNG no Parlamento galego Paulo Ríos protagonizaron un acto xunto á sede do Club Náutico de Sanxenxo para manifestar a súa oposición á visita do emérito por segundo ano consecutivo.

En declaracións aos medios, Gómez lamentou que os gobernos e os partidos permitan que a visita dun "fuxido da xustiza" quede "impune" e, mesmo, "pase coa complicidade" do Executivo central e da Xunta.

"Todos os sucesos que rodean a figura do emérito non fan máis que corroborar que a monarquía española é unha institución corrupta e inxusta que non ten cabida neste país", aseverou a responsable de Galiza Nova, que subliñou que o emérito debería volver a España para presentarse ante a xustiza "e ser xulgado polos seus delitos".

Neste sentido, afirmou que "moitos" veciños de Sanxenxo e a "sociedade" están "descontentos" co feito de que Juan Carlos veña ás Rías Baixas "a pasearse impune polas rúas". Por iso, aínda que Galiza Nova non ten intención de convocar accións reivindicativas durante a estancia do emérito en Sanxenxo, avanzou que participarán naquelas que sexan promovidas pola sociedade civil.

"A monarquía española o único que representa é a dependencia do Estado español e o que fai é impedir que podamos desarollar os nosos proxectos de vida", aseverou antes de apelar a "romper" coa "dependencia" de Galicia con España para que a mocidade "poida desenvolver os seus proxectos de vida nunha República Galega".

Galiza Nova contra a visita do rei emérito Juan Carlos I en Sanxenxo
Galiza Nova contra a visita do rei emérito Juan Carlos I en Sanxenxo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta