Por E.P. | VIGO | 04/05/2023 | Actualizada ás 19:46
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo en valor os produtos "do mar e da terra" das Rías Baixas no peche do programa 'Degusta Europa', que se levou a cabo este xoves no mercado do Calvario de Vigo.
Foi o alumnado do CIFP Manuel Antonio o encargado de preparar ata un milleiro de tapas para celebrar o Día de Europa, que se conmemora o 9 de maio coincidindo coa firma da Declaración de Schuman en 1950, que conduciu á creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, precursora da Unión Europea.
"Os mercados tradicionais da provincia son os mellores, do mesmo xeito que o noso produto, tanto o do mar como o da terra", remarcou Silva, lembrando o "especial" que é o mercado do Calvario.
Tal como explicou a Deputación nun comunicado, 'Degusta Europa' ten como obxectivo dinamizar os mercados e prazas municipais, dándolles un toque de innovación e vangarda gastronómica, ademais de pór en valor os produtos da provincia.
"O Calvario é un mercado moderno, cun produto estupendo e unha forma de ser das persoas traballadores espléndida", reivindicou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que tamén acudiu ao peche de dito programa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.