Por Galicia Confidencial | Santiago | 13/05/2023 | Actualizada ás 22:00
A conservación do patrimonio histórico-cultural en Galicia implica a realización de estudos previos no terreo antes da construción de calquera infraestrutura. Existe unha lexislación autonómica que busca protexer os diferentes substratos arqueolóxicos de cara a súa preservación e, se é necesario, a súa excavación en caso de ter un valor destacable para os estudos históricos, arqueolóxicos e doutras disciplinas. É por iso que, aínda sendo os picos dos montes o lugar máis común para a instalación de parques eólicos, estes tamén poden aproveitar lugares menos altos máis con elevado índice de exposición ao vento ou a extensión de liñas para transporte de electricidade cara subestacións. Ambas situacións necesitan dos preceptivos estudos de impacto ambiental e de impacto cultural. Dous exemplos disto foron as actuacións arqueolóxicas nos Escouredos, no Concello de Castro de Rei e no Castro das Barreiras en Vimianzo.
VILA ROMANA DOS ESCOUREDOS
A estensión dunha liña de alta tensión levou á empresa Naturgy a realizar un estudo de impacto ambiental e arqueolóxico na área dos Escouredos en Castro de Rei. Os estudos sobre patrimonio que podía verse afectado por unha liña de alta tensión levaron á descuberta duns restos que “non parecían estar alí por casualidade” di Manuel Lestón, arqueólogo de Arkaios, empresa que desenvolveu as tarefas de estudo no lugar.
Sabíase da existencia de restos da época tardo-romana e o achado dunhas pezas de cerámica levou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en concreto o Servizo de Arqueoloxía, a estableceren medidas preventivas antes de tirar os cabos de alta tensión. “Os restos consistían en tégulas (tellas) e dúas lareiras que pertencían a unha vila romana” di o arqueólogo Manuel Lestón, quen realizou os traballos de descuberta. “Levantáronse 40 metros cadrados dos 3.000 que comprende a vila romana cos seus anexos, isto fala da propiedade de alguén importante que explotaba os terreos para agricultura e minaría”.
O lugar dos Escouredos é posible que deba o seu nome “ás toneladas de escoura producida en fundicións de ferro detectadas no lugar” di Lestón. Os restos tanto da escoura como das formacións arquitectónicas foron detectadas mediante xeorradar. “En total levantáronse s 40 metros cadrados para contextualizar a vila dentro do século IV da nosa era, algo que deducimos polos restos de leña queimada nas lareiras, á parte que as tégulas non estaban nunha disposición que fose de casualidade, senón que estaban in situ”. Finalmente os restos foron cubertos de novo con terra e area para que non sufran alteracións, pois de momento non se vai practicar ningunha intervención sobre este lugar.
CASTRO DAS BARREIRAS
O castro das Barreiras en Vimianzo é un castro de chaira, algo pouco usual aínda que “seguramente pola necesidade de mostrar o dominio daquelas terras por parte das xentes deste castro” di o arqueólogo Tito Concheiro de Arquestudio. Con anterioridade fixéranse algunhas intervencións como a limpeza do mesmo, é propiedade municipal, ademais dun traballo de excavación na muralla en 2019.
O interior deste castro fora usado como terra de cultivo desde a Idade Media cousa que “deixou un sedimento agrario sobre as antigas construcións o que non quita que se expoliasen con anterioridade” di Concheiro. Á parte disto, durante varios anos este terreo foi usado como zona para concursos de arado con tractor. En total, 2.000 anos de historia cubrían os terreos do Castro das Barreiras.
“Existe unha secuencia longa de ocupación varios niveis de estratificación, aínda así estamos esperando os resutados das probas radiocarbónicas” di Concheiro que non desbota en situar o emprazamento “na Segunda Idade do Ferro, enre os séculos III e II a.C. Tamén se pode observar unha prolongación durante a época romana”. Como coroa dos traballos de exploración neste castro encontráronse ferramentas como un coitelo de caza, un sacho e dúas fouces, mostra da utilización agraria das terras ademais de actividades complementarias como a caza.
“Outros restos foron muíños de man, fibulas e unha pedra relixiosa ou representación anicónica de protección. Todo o encontrado dá mostra da alta actividade no lugar” remarca Tito Concheiro.
As intervencións realizáronse en base aos informes de impacto cultural e arqueolóxico da empresa Naturgy que remitiu a información tanto á Xunta como ao Concello de Vimianzo, actual propietario dos terreos. Ambas as dúas partes colaboraron coas catas e excavacións necesarias para determinar a descrición e catalogación do castro e os seus achados. “Cremos que aquí se produciu unha empatía moi produtiva entre o que sería a promoción dun parque eólico e a poboación local”.
"DESCÓBRESE, CATALOGA E PROTÉXESE"
Ante a construción de proxectos enerxéticos e tal como se dixo, é imprescindible dar conta dos diferentes informes de impacto ambiental e arqueolóxico. Nese sentido preguntóuselle á empresa implicada nos dous casos anteriores sobre o seu proceder ante casos como son Os Escourados e o Castro das Barreiras.
A resposta da empresa é que o deseño dos seus proxectos eólicos “seguen os criterios ambientais e patrimoniais desde as normativas establecidas para ambas as dúas áreas e a preservación da contorna onde se impanten” os elementos aeroxeradores ou de transporte eléctrico.
Sobre a incidencia no terreo do patrimonio insisten que “se investiga a presenza de mámoas, castros, petróglifos e outros elementos patrimoniais, ademais da fauna e flora na zona e o posible impacto paisaxístico do proxecto”. Todo iso plásmase no chamado estudo de impacto ambiental que terá que ser sometido a información pública para a autorización por parte das administracións competentes".
A empresa destaca que, antes de actuar, visitan os emprazamentos, fan prospeccións nas distintas fases e, en ocasións, "aparecen novos elementos patrimoniais que han de ser conservados". "Durante as obras vixiamos que se respecten os valores da zona e que se poñan en valor determinados xacementos", apuntan. "É un patrimonio que non se catalogaría e poñería en valor se non fose grazas a estes proxectos. O traballo faise con sumo coidado e respecto. Descóbrese, cataloga e protéxese. A idea é aflorar o coñecemento e evitar espolios ou perda de coñecemento", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.