Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 19:18
A Consellería de Sanidade trasladou ao Concello de Betanzos, tras detectarse un brote de gastroenterite, que se restrinxa o uso da auga do abastecemento para que non se utilice para a inxesta (bebida ou preparación de comida), lavado de alimentos ou hixiene bucodental.
Faino no contexto do brote de posible orixe hídrica e co fin de "reducir ou eliminar potenciais riscos para a saúde da poboación", explica o consistorio tras trasladarlle Sanidade esta cuestión.
Ademais, explica que non se pode descartar nas primeiras investigacións do brote "a implicación doutras instalacións como as fontes públicas non conectadas á rede municipal" polo que tamén se restrinxe o seu uso.
Esta comunicación trasladouse ao consistorio á espera de contar cos resultados das analíticas que está a elaborar, despois de recoller tomas en distintos puntos durante o día de onte.
O consistorio indica que a empresa concesionaria segue realizando un seguimento e durante a tarde coñeceranse os resultados das mostras recollidas o luns. As recollidas o domingo están, engade, "dentro dos parámetros esixidos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.