Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2023 | Actualizada ás 15:24
A deputada do BNG María González Albert cargou contra o conselleiro de Medio Rural, José González, pola "inconsciencia" das súas "desafortunadas" declaracións en relación con incendios e medio ambiente realizadas durante un acto do PPdeG en campaña en Sandiás.
"Os requirimentos ambientais están a facer que Europa se dispare un tiro no pé, así de claro. Estamos a pór unhas esixencias ambientais, tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros, que imos acabar coa agricultura e a gandaría en Galicia, en España e en Europa", aseguraba o conselleiro nese acto. A isto engadía que: "O ano pasado, que ardeu un golpe de hectáreas en Galicia, saben onde estaban o 70% desas hectáreas? En Rede Natura. Algo falla se cos compromisos ambientais e coa protección que nos están impondo o único que logramos é que arda todo cando vén un incendio no verán".
Sobre estas palabras preguntou González Albert durante a súa intervención o Pleno do Parlamento, onde instou ao conselleiro a aclarar se cre que a protección da Rede Natura é "en palabras súas, causante de incendios forestais".
Respecto diso, a deputada nacionalista censura que "pasou case un mes" e "ningún membro do seu goberno saíu a desautorizalo", de forma que teme que a Xunta apoie o "populismo" das palabras do conselleiro na que se establece unha "irresponsable" dicotomía que non é certa. Mostra a súa preocupación por que o Executivo autonómico estea de acordo en que a protección ambiental "é un lastre".
Igualmente, expuxo a "incapacidade" dos instrumentos de ordenación e xestión da Xunta para "protexer" de forma efectiva estes espazos naturais, pois considera que son "insuficientes", non están ben dotados economicamente ou se mostran "absolutamente ineficaces".
Na súa quenda, o conselleiro de Medio Rural eludiu referirse a as súas palabras do acto en Sandiás e limitouse a responder as preguntas recollidas nunha interpelación do Bloque rexistrada o ano pasado con motivo dos grandes incendios forestais que afectaron a Galicia.
Así, González enumerou diferentes medidas que tomou a Xunta para combater a afectación do lume en Rede Natura, á vez que sinalou que: "A virulencia dos incendios, e iso si que o digo e mantéñoo, é un inimigo fundamental da Rede Natura". Así mesmo, o conselleiro de Medio Rural deu conta de que os incendios en espazos naturais queimaron en Galicia unhas 93.000 hectáreas en Galicia na última década.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.